Publicador de contidos

Publicador de contidos

A tractorada mantén pechada a A-52 en Trasmiras durante a noite

A tractorada mantén pechada a A-52 en Trasmiras durante a noite

A Asociación do Sector Primario de Galicia asegura que van quedar na autovía "o tempo que faga falta"

Rexeitan o acordo de libre comercio entre a Unión Europea e os Estados que forman parte do Mercosur 

Malia as protestas do agro, os países comunitarios acordaron asinar o convenio o 17 de xaneiro en Paraguai

directo
G24.gal 10/01/2026 08:44 Última actualización 10/01/2026 21:22

Uns 70 tractores e máis de 150 persoas manteñen cortada a A-52 en Abavides, no concello de Trasmiras, dentro das protestas que manteñen contra o acordo de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur.

Pertencen á Asociación do Sector Primario de Galicia, formada por gandeiros e agricultores ourensáns. A primeira hora da mañá quedaron en Maceda coa intención de entrar na cidade de Ourense este sábado pero cambiaron os plans.

Ás 6:15 horas bloquearon a autovía en ambos os dous sentidos á altura do quilómetro 188 e Tráfico desviou a circulación. Queimaron no medio da calzada pacas de palla e pneumáticos e aseguran que non se moverán "o tempo que faga falta".

"É un paso máis nas nosas reivindicacións. Levamos dende o 29 asentados en Ourense, fixemos unha tractorada, solicitamos reunións coas administracións, pero só se pasan a pelota dun tellado ao outro", lamenta o agricultor limiao Óscar Joga.

Rexeitan a sinatura do convenio entre a UE e os países do Mercado Común do Sur prevista para o vindeiro 17 de xaneiro en Asunción, Paraguai. Reivindican uns prezos xustos e a protección do sector fronte á competencia estranxeira.

"O único que podemos esperar é a ruina total tanto para agricultores como para gandeiros. Non podemos competir con produtos que virán de fóra. Non van cumplir as garantías que nos esixen a nós, e téñense que cumplir para que haxa produtos de calidade, pero o que non é xusto é que nos traian produtos doutros países, con formas de produción diferentes e con produtos que aquí levan prohibidos décadas, xogando así coa saúde da xente", asegura Joga.

Manifestación o 12 de xaneiro

Tras 13 días de mobilizacións, agricultores e gandeiros intensifican as súas protestas e esixen negociacións inmediatas coas autoridades competentes.

Agromuralla -que agrupa produtores de leite das provincias de Lugo e A Coruña- e a asociación Gandeiros Galegos da Suprema -produtores de carne ao amparo do selo Tenreira Galega Suprema- anunciaron que sairán á rúa o vindeiro luns, 12 de xaneiro.

Ambas as dúas organizacións sinalan nun comunicado que o tratado pon "en grave risco as explotacións de vacún de leite e de carne galegas".

Diversificar alianzas

Este acordo comercial, que pretende crear a maior zona de libre comercio do planeta tras máis dun cuarto de século de negociacións e bloqueos, permitirá a ambas as dúas partes diversificar alianzas fronte á deriva proteccionista dos Estados Unidos.

Os Vinte e sete lograron este venres unha maioría cualificada para validar o convenio que van asinar a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o presidente do Consello, António Costa, e os mandatarios da Arxentina, O Brasil, O Uruguai e Paraguai.

O acordo alcanzouse malia o voto en contra de Francia -principal opositor ao pacto-, Polonia, Austria, Irlanda e Hungría, e coa abstención de Bélxica. Italia, que bloqueara o pacto a finais do mes pasado xunto aos países detractores, cambiou de parecer.

A negociación de salvagardas adicionais para os agricultores europeos, que se manifestaron estes días en contra do pacto, serviron para que Roma levantara o seu veto.

Fronte ao proteccionismo global

O impulso final ao tratado, que permanecía nun limbo técnico desde o peche político das negociacións en 2024, explícase en gran medida pola necesidade de Bruxelas de atopar mercados e socios comerciais alternativos.

Á escalada de tensións comerciais e á imposición de aranceis por parte da Administración estadounidense tras o regreso de Donald Trump, súmase a influencia crecente da China en América Latina e a dependencia europea de Pequín na subministración de materias primas críticas.

O novo espazo comercial integrará preto de 800 millóns de consumidores e representará un produto interior bruto (PIB) conxunto de aproximadamente 22 billóns de dólares, segundo datos da Comisión Europea.

Eliminación de aranceis

O acordo permitirá eliminar aranceis para o 91% das exportacións da UE cara ao Mercosur e para o 92% das vendas suramericanas cara a Europa, o que se traduce nun aforro anual estimado de 4.000 millóns de euros para as empresas comunitarias.

Para a Unión Europea, o tratado abre as portas dun mercado historicamente protexido para os seus sectores industriais máis competitivos, entre os que destaca a automoción e a maquinaria industrial, onde os actuais aranceis de entre o 35% e o 14% desaparecerán progresivamente.

Outros sectores que se beneficiarán especialmente serán o químico e o farmacéutico, que exportan por valor de miles de millóns de euros cada ano, ou produtos agroalimentarios protexidos por denominacións de orixe como os viños e os queixos.

Pola súa banda, o pacto permitirá ao Mercosur consolidar a súa posición como "celeiro do mundo" para Europa, gañando acceso preferente en produtos como a carne de vacún, a soia, o mel e os biocombustibles.

Con todo, establece un sistema de cotas que busca limitar o impacto nos produtores locais europeos.

Obstáculos finais para o acordo

Porén, o visto e prace dos países da Unión Europea á sinatura do acordo non é o último paso para pechar o histórico pacto que podería enfrontar os seus últimos obstáculos no proceso de ratificación no Parlamento Europeo durante o 2026.

O pacto considérase "mixto" e divídese en dúas partes, unha comercial e un acordo de asociación, que seguen camiños paralelos.

Ambas as dúas deben recibir o visto e prace da eurocámara antes da súa conclusión formal e, ademais, o acordo de asociación require o consentimento de todos os parlamentos nacionais da UE.

A ratificación no Parlamento Europeo prevese complexa pola gran división no hemiciclo comunitario nun voto no que a nacionalidade dos eurodeputados pesará tanto ou máis que as liñas ideolóxicas.

Hai que ter en conta que a práctica totalidade dos eurodeputados franceses amósanse en contra sen importar a súa familia política.

Ademais, xa manifestaron o seu rexeitamento grupos como a ultradereita dos Patriotas por Europa, que planea mesmo unha moción de censura contra Von der Leyen, dos Verdes ou da Esquerda, polas preocupacións ambientais e a competencia desleal que, argüen, xerará o pacto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade