Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os torques de ouro achados nas Mariñas Coruñesas poderían datar da Idade de Ferro

Os torques de ouro achados nas Mariñas Coruñesas poderían datar da Idade de Ferro

Permaneceron soterrados durante séculos nunha leira. O primeiro foi atopado en primavera e o segundo hai uns días

G24.gal 23/10/2023 21:36 Última actualización 23/10/2023 22:33

Adornos ríxidos de pescozo habituais na cultura dos castros galaicos. Os dous torques ártabros de ouro compoñen un achado arqueolóxico singular datado entre o século I a. C. e I d. C., aínda que poderían ser dunha etapa anterior. "Aparecen estas dúas pezas enteiras e bastante ben conservadas no que probablemente era unha ofrenda ou algún tipo de ocultación intencional para recuperala posteriormente", explica Lois Armada, investigador do Insituto Nacional do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Permaneceron soterrados durante séculos nunha leira dun concello das Mariñas Coruñesas. O primeiro foi atopado a pasada primavera. O segundo, hai escasos días. A familia entregounas aos responsables de Patrimonio da Xunta. "Foi nunha leira que non é en Betanzos, si na comarca da Mariña, e apareceron nun labor habitual da terra", matiza o conselleiro de Cultura e Educación Román Rodríguez. 

Tras as análises das pezas, a investigación en que colaboran Xunta e CSIC céntrase agora na reconstrución do contexto do achado no lugar onde apareceu. Segundo o investigador Lois Armada: "Ese traballo está en curso, pero cremos que ao redor do Nadal poderá estar rematado todo".

O concello de Betanzos xa solicitou á Xunta que os dous torques sexan depositados no Museo das Mariñas, pero o destino das dúas pezas non se decidirá ata que rematen os estudos que se están a realizar. Mentres tanto, as pezas permanecerán en depósito temporal no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña con sede no Castelo de Santo Antón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade