A Ribeira Sacra promociónase como Patrimonio Mundial cunha singular andaina
Os habitantes de Temes (Carballedo) e Celaguantes (A Peroxa) descobren os tesouros das súas igrexas da man dun arqueólogo
A iniciativa promove o patrimonio vivido pola veciñanza
Unha néboa, mesta e persistente, semella trasladarnos a outra dimensión, a que se esconde tras os muros de Santa María de Temes, unha igrexa pequeniña cun pasado moi extenso.
"Temos un castro, enriba diso un mausoleo paleocristián, antes diso unha ara pagá do precristianismo, despois unha igrexa visigótica...", explica Carlos Vázquez, arqueólogo e guía da visita.
Adentrámonos na súa historia da man do arqueólogo, que nos ilumina sobre os tesouros que aquí se conservan coma o singular sartego da época paleocristiá gravado en Roma con mármore grego.
"É dicir, aquí había o poder adquisitivo de traer unha peza gravada en Roma con mármore grego. E non só o poder adquisitivo, senón as vías para traelo. Sempre se dixo que veu polo Miño", explica Carlos Vázquez.
"Que viñeran ata por debaixo do Pombeiro no barco, cando agora non se pasa...", comenta sorprendido un veciño de Temes.
Os veciños escoitan con atención as explicacións. Revélanlles historias descoñecidas, pero eles tamén contribúen coas súas. Lembranzas de cando estas aldeas tiñan máis vida.
"Había festas, aquí e alí, e a mocidade andabamos dun lado para outro, andando", lembra unha veciña.
Andaina
Andando volveron percorrer eses camiños que artellan a Ribeira Sacra e as súas xentes. É o que persegue esta iniciativa: amosar o patrimonio a través dos que o habitan.
"O patrimonio cando se habita, cando nos interpela e nos enche a emotividade, ocupa un lugar central nas nosas vidas. E iso é o que estamos intentando aquí entre todos", sinala Xosé Gago, responsable de participación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.
Así arrinca a segunda fase de participación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.