Os técnicos do CIAIM estudan a posibilidade de baixar ao pecio do Villa de Pitanxo
A súa valoración pode ser decisiva e xa mostraron nun documento que están a favor do descenso
Hoxe fai sete meses exactos que se afundiu o Villa de Pitanxo. Durante todo este tempo, os familiares dos falecidos na traxedia pedíronlle ao Goberno que localizase o pecio para despois poder inspeccionalo en busca de probas.
Cando a comezos do verán un barco oceanográfico partiu rumbo á zona do naufraxio sen intención de buscar o Villa de Pitanxo, as esperanzas desas familias quedaron moi tocadas. Pero estes últimos días semella que, por fin, algo se está a mover.
E esa busca do pecio semella factible co regreso do caso á Audiencia Nacional; o xuíz solicitou nunha providencia á Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos que elabore un informe sobre a posibilidade e utilidade de baixar ao barco.
Pero é que este organismo xa publicou unha nota hai 10 días en que valoraba positivamente esa cuestión que dicía que podería axudar a obter informacións importantes para aclarar as causas do sinistro.
En definitiva, que de confirmar os técnicos esta afirmación o Goberno, como ademais prometeu no seu día, xa non tería motivos para denegar esa misión de busca dos restos do Villa de Pitanxo.
Realmente deben confirmar o plan de acción que publicaron o día 5 de setembro: facer un estudo climatolóxico no momento do afundimento, facer un modelo de reprodución a escala do buque e do accidente e inspeccionar a nave. Algo que as familias das vítimas reclaman dende hai meses.
O Goberno podería quedar só na súa decisión de non baixar ao barco afundido, se os propios técnicos confirman a súa petición, xa que a Garda Civil tamén o solicitou cando comezou a investigación.
Pasado o verán agora habería que agardar varios meses. Pero todo apunta que se trata dunha cuestión de avaliar os medios técnicos e sobre todo o custo da operación.
Mentres, a armadora do Villa de Pitanxo, o Grupo Nores, volveu presentar un recurso para que o caso volva de novo a Marín e non sexa finalmente instruído pola Audiencia Nacional.