Os taxistas galegos poderán pedir desde o 5 de xuño axudas para pagar o seguro e contratar persoal
Poderán recibir 240 euros para o pago de seguros e 2.000 euros para contratar un segundo condutor a xornada completa
A Xunta destaca a necesidade de estar vixiantes ante os incumprimentos da normativa por parte das empresas de VTC
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este martes un encontro con representantes de Unión de Taxis Galegos (Utaga), a quen informou sobre a convocatoria de axudas para pagar pólizas de seguros e para contratar a segundos condutores, unhas subvencións que poden solicitarse desde o 5 de xuño e ata o 30 de setembro.
Segundo lembrou o conselleiro, a orde conta cunha dotación dun millón de euros e está destinada a persoas titulares de licenza de taxi, que poderán recibir 240 euros para o pago de seguros e 2.000 euros para contratar un segundo condutor a xornada completa e con dedicación exclusiva.
Diego Calvo destacou que, para a posta en marcha desta liña de axudas, a administración autonómica mantivo un diálogo directo co sector, para coñecer a súa situación e as súas necesidades.
"Galicia volve ser pioneira no resto do Estado, e hoxe presentamos unha liña de axudas que vai dirixida a dar un soporte a todos os taxistas", afirmou.
O presidente de Utaga, Emilio Mosquera, agradeceu a iniciativa da Xunta e resaltou que a liña de axudas permitirá non só afrontar os pagos de seguros senón tamén "crear emprego".
"Para nós é importante que haxa substitución e que haxa máis compañeiros para poder cubrir mellor a demanda de taxistas neste momento", explicou, e sinalou que o taxi está a vivir en Galicia "un bo momento" polo auxe do turismo e do Camiño de Santiago, e polo incremento das actividades de lecer.
Os VTC, só en traxectos interurbanos
Con respecto á actividade dos chamados VTC (vehículos de transporte con condutor), Emilio Mosquera valorou que as administracións, tanto a Xunta como, no caso de Vigo, o Concello, trasladaron o seu apoio ao colectivo do taxi, pero recoñeceu que "hai que estar vixiantes porque determinadas empresas non esperan a que as administracións lles dean autorización".
Pola súa banda, Diego Calvo sinalou que a normativa actual en Galicia permite autorizar VTC, "a condición de que os desprazamentos sexan interurbanos, dun concello a outro" e subliñou que a administración autonómica está a facer inspeccións para supervisar esa actividade.
Lembrou que hai varias semanas "detectáronse servizos en Santiago que facían traxectos dentro da cidade, contratados pola Administración local, neste caso polo Concello, e iso é motivo de denuncia".
O conselleiro apelou á colaboración do sector e á dos concellos para saber localizar incrumprimentos e para establecer as correspondentes sancións. Igualmente, fixo un chamamento ás empresas de VTC "para lembrarlles cales son as condicións da súa licenza".