Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os socorristas de Sanxenxo tiveron 7.205 intervencións en xullo: estas son as máis frecuentes

Os socorristas de Sanxenxo tiveron 7.205 intervencións en xullo: estas son as máis frecuentes

As máis comúns son por incumprimento da ordenanza das praias, picaduras das fanecas ou a atención a persoas con contusións e feridas. Tamén por saltar dende zonas elevadas e por bañarse fóra da zona permitida.

G24.gal 08/08/2025 15:37 Última actualización 08/08/2025 17:22

Nestes meses de calor, o traballo dos socorristas multiplícase. En Sanxenxo, onde a afluencia de xente crece inmensamente no verán, os socorristas realizaron un total de 7.205 actuacións o pasado mes de xullo, a metade delas en Silgar.

A maior parte das intervencións, 3 de cada 4, fixéronse na area. As máis comúns adoitan ser avisos polo incumprimento da ordenanza das praias, as típicas picaduras das fanecas ou a atención a persoas con contusións e feridas. O resto foron no mar, onde destacan os avisos por artefactos flotantes, por saltar dende zonas elevadas e por bañarse fóra da zona permitida.

"Os avisos que temos que dar con maior frecuencia son sobre xente que está nadando na canle de embarcacións porque aí é, obviamente, para 'pedaletas' ou paddles, que veñen e saen da zona da praia", afirma o socorrista Juan Antonio Suárez.

Hai unha gran parte delas que veñen a raíz de imprudencias cometidas por parte dos bañistas, como saltar dende zonas elevadas ou nadar en zonas non permitidas para o baño.

"Xente que salta dende rochas, tanto con marea alta como baixa, dende a estatua...", asegura Juan Antonio.

"Onte, mesmamente, vin catro rapaces duns 17 anos que subían á estatua que está no interior da praia e lanzábanse continuamente", confirma un bañista.

"Eu teño vido correndo detrás dos meus fillos a prohibirlle que saltasen porque aí hai rochas, hai pedras", di outra bañista.

Ademais, aseguran que cómpre ter especial precaución nos días de néboa, xa que se reduce moito a visibilidade.

"Hai que ter moito coidado coa néboa porque pode non haber nada e, en 5 minutos, entrar esa néboa e quedas sen ver", comenta Juan Antonio Suárez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos