Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xente continúa a reservar mesas na praia de Samil malia que está prohibido

A xente continúa a reservar mesas na praia de Samil malia que está prohibido

A media mañá xa hai sitios gardados con manteis na zona do piñeiral

Os bañistas quéixanse dun costume que oficialmente non está permitido polo Concello

A Policía Local tamén impide a colocación de paraventos que parcelan anacos de area

G24.gal 06/08/2025 14:32 Última actualización 06/08/2025 15:15

Son as once da mañá e xa hai manteis nas mesas do piñeiral de Samil. Manteis, non comensais. Empeza outro día de praia e hai quen madrugou para coller sitio para o xantar. Oficialmente, está prohibido, desde hai unha década, atendendo ás queixas dos bañistas.  O Concello de Vigo publicara un bando para impedir esta práctica. Mesmo chegaran a pór carteis. Pero o costume continúa. 

"Cando chegamos vimos que algunhas persoas reservaran mesa e comentamos que non nos parecía ben", cóntanos un veraneante portugués que está almorzando na súa primeira visita a Samil. "Nós tiñamos cousas que facer e viñemos antes para coller sitio. É moi cómodo vir, ocupar e ir facer o que che dea a gana", quéixase un vigués que se dispón a comer nunha das mesas que estaban libres. "As mesas ocúpanse coa xente..., se chegan e a deixan ocupada do día antes...", sinala con retranca un home que sentou noutra das mesas dispoñibles.

Ademais, esta semana hai menos espazo dispoñible nos xardíns de Samil. Boa parte da zona está ocupada polas instalacións do festival O Marisquiño.

Tamén está prohibido reservar area: colocar elementos, como os paraventos, que pechen espazos na praia. É un costume que traen a Samil os veciños portugueses, que usan os paraventos na costa do seu país, onde pega moito máis forte o aire. O ano pasado, en Vigo, houbo moitas queixas e por iso a Policía Local obriga a desmontar estas estruturas.

Pode implicar multas pero na práctica non se poñen porque a xente entende a norma e retira as construcións. O certo é que instalar un paravento é legal pero se se coloca en liña recta. Como explica o oficial de costa e praia da Policía Local de Vigo Ismael Rodríguez, o que non está permitido e parcelar zonas da praia como se fosen valados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar