Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os salóns de peiteado, a pleno rendemento para a Noitevella

Os salóns de peiteado, a pleno rendemento para a Noitevella

Boa parte da clientela acode esta xornada a arranxar o pelo, cun gasto por persoa que pode chegar aos cen euros

Varias clientas tinguen o pelo ao pé dun cubo da muralla de Lugo
Félix Aragunde. Imaxe: David Barreiro. 31/12/2025 13:42

Nos salóns de peiteado o último día do ano é tamén unha das xornadas de actividade máis intensa. A maior parte do traballo consiste en peitear, pero tamén hai quen se anima a tinguir ou a cortar o pelo. 

"Na axenda de hoxe hai peiteados e maquillaxes. Os anteriores días si que viñeron preparar o cabelo, con tratamentos coma a cor ou as mechas, porque queremos ter o cabelo bonito sempre por estas datas", explica María Magán, peiteadora do salón Lodia. 

"É un día diferente, de festa para todos, en que se fan traballos diferentes. Ao final todo o mundo ten esa festa no corpo e ese bo ambiente, polo que é un día bonito para traballar", agrega Ludi Quintás, do salón Aluma

A Noitevella é, por tanto, unha data sinalada no calendario dos salóns de peiteado. Os servizos que adoitan prestar poden chegar a supoñer un importe de ata tres díxitos.

"Como moitísimo, cen euros, e como mínimo 45 ou 50 euros. Iso é o que vén gastando a xente nun día como hoxe", sinala Rocío Roca, xerente do salón homónimo. 

"Desde os 20 euros, e logo xa depende de se leva tamén maquillaxe. Poden ser ata 50 euros", di María Magán. 

"Como máximo, 70, con peiteado, recollido e maquillaxe. Ou sexa, con todo", engade Ludi Quintás. 

Todo sexa por comezar un novo ano lucindo o mellor peiteado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade