Melenas brancas que locen rachando estereotipos de idade e de xénero
Cada vez son máis os que optan por manter as canas, cansos de ter que tinguir o cabelo cada pouco para ocultalas
Con milleiros de seguidores en redes e coñecida tras o seu paso por un concurso televisivo, a interiorista, fotógrafa e comunicadora galega Teresa Abalde loce melena branca desde os 40 anos.
"Todo o mundo dicíame que me ía arrepentir. A verdade é que estou encantada, pero entendo que a xente que me escribe, moitas veces por redes, sempre encontra o mesmo problema: o marido ou as amigas dinlle que as vai facer moito máis maior. Entón ese é o primeiro problema", explica.
Cando tiña 46 anos Bea decidiu que estaba cansa de ter que tinguir o cabelo cada pouco para ocultar as canas.
"Tinguíame e nunha semana saían as canas. Non había un equilibrio entre tinguir o pelo e estar ben", di.
Jaime Piñeiro, responsable dos salóns de peiteado do Grupo Loida, detalla o traballo realizado con Bea:
"Que fixemos? Facerlle un toque de mecha que se mestura coa súa cana e así con dúas veces ao ano ten arranxado o cabelo. O que si é certo é que cada 15 ou 20 días acode ao salón para facer unha hidratación profunda do pelo". Para Teresa Abalde "a cousa é probar e logo se te atopas a gusto, perfecto. Que non? Pois sempre podes tinguir o pelo de novo".
A transición cara á melena branca levou o seu tempo. Para Bea pagou a pena:
"Gañei en calidade de pelo e non te colle desprevida: Ai! Teño unha festa e teño que tinguirme. tes que encaixar en todo momento iso que forma parte tamén como da rotina e da escravitude das mulleres".
Das mulleres, si, porque nos homes a cana percíbese doutro xeito. Pero esa é outra historia.