Os rótulos dos comercios son historia das cidades
Un patrimonio en extinción con cada reforma, cada peche e cada cambio comercial
Os rótulos comerciais son historia e identidade das rúas das cidades e non deberían desaparecer
O libro Rótulos da nosa vida recompila algúns dos máis emblemáticos das cidades galegas
O tecido comercial constitúe unha parte importante das cidades e os rótulos son a súa marca de identidade. Simbolizan a personalidade de cada vila.
"Hoxe en día, cos rótulos tan homoxeneizados pois pola xentrificación, polo turismo etc, todas as cidades son iguais practicamente nos centros cos rótulos das grandes marcas", explica Jorge Lens, fotógrafo, profesor de fotografía na UVigo e coautor do libro 'Os rótulos da nosa vida'.
Os rótulos dan fe das gráficas e das modas doutros tempos.
"Para min, forman parte do patrimonio como calquera outra parte do mobiliario", engade un señor.
"O bonito tamén dos rótulos é cando se converten un pouco en 'lettering', é dicir, cando o propio nome da tenda, do establecemento, se converte case nun anuncio comercial grazas á forma que adoptan as letras", conta o fotógrafo.
Pero moitos deles desapareceron sen apenas decatármonos.
"Conservar sempre axuda a que se poida recoñecer mellor o impacto cultural que ten na memoria da xente", apunta outro señor.
En cidades coma A Coruña, un 80 % dos rótulos perdéronse, e con eles toda unha estética urbana e unha maneira de ser.
"Que tiñamos nunha época anterior onde se conservaban as cousas, onde un rótulo indicaba non só un comercio, senón todo un estilo de vida, todo un oficio de facer o rótulo tamén, toda unha forma de atender o establecemento que agora se perdeu", explica Lens.
Algúns deles están protexidos, pero son unha minoría.
"En Vigo, por exemplo, temos un protexido que é un anuncio de Pedro Domec de Osborne que está na Porta do Sol, un anuncio de azulexo, pois moi da época de hai case 100 anos, pero habería tamén que protexer aqueles que igual non son tan emblemáticos pero que si que formaron parte do noso imaxinario ou do imaxinario dos nos pais, non?", conclúe Jorge Lens.