Segue a poémica entre o Concello de Ourense e os comerciantes da praza de abastos, que agora teñen ata o 9 de xaneiro para abandonar a Alameda
Segue a poémica entre o Concello de Ourense e os comerciantes da praza de abastos, que agora teñen ata o 9 de xaneiro para abandonar a Alameda
Comunicóullela oficialmente o Concello, e é para desaloxar os postos que levaban ocupando, provisionalmente, dende hai sete anos
Ademais do inminente desafiuzamento, o Concello de Ourense tamén lles comunicou que o contrato se rescindiu no 2022
Os usuarios e usuarias da praza de abastos piden unha solución para que a cidade non quede sen o seu mercado tradicional
O caso está no xulgado e o avogado dos comerciantes confían en que a Xustiza lles dea a razón
Os comerciantes da praza de Ourense teñen unha data enriba da mesa: o 9 de xaneiro. A polémica entre os vendedores e o goberno local continúa, despois que hai uns meses se rompesen as negociacións para acordar como e cando volver ao antigo edifico tras as obras.
Preguntámoslle á xente que adoita mercar na praza de abastos de Ourense que opinan da comunicación oficial do Concello de que os comerciantes teñen que desaloxar forzosamente os postos provisionais da Alameda, onde xa levan sete anos instalados provisionalmente, antes do día 9 de xaneiro.
"Se nos quitan isto, non nos favorece nada, non sei cal é a razón de que os queiran botar de aquí".
"Quérenos botar de aquí, pero para onde, ese é o asunto... Terían que seguir estando aquí ata que lles arregran a outra praza como lla teñen que arranxar".
"Esta praza tiña que estar aberta, polo menos hai un ano, e por que non a abren, a quen lle pedimos explicacións".
"Se alí, din, non hai nin auga, nin luz; cando se vai para un sitio ten que estar preparado".
Ademais do inminente desafiuzamento, o Concello de Ourense tamén lles comunicou que o contrato se rescindiu no 2022. O caso está no xulgado, e o avogado dos comerciantes di que xa pediu medidas cautelarísimas. E tamén asegura que hai base suficiente para que lles dean a razón porque aseguran que en ningún dos escritos se fundamenta nin se xustifica o inminente desaloxo.
"Somos os comerciantes os que queremos ir para a praza de abastos. Esa obra non quedou ben. Pero sigo tendendo a man, é polo ben de Ourense. Se hai algún problema persoal cos comerciantes ou con quen os preside, iso son problemas persoais, pero o ben de Ourense é o ben de Ourense", di Emilio Pedro González, o presidente da Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos de Ourense.
Os comerciantes aseguran que buscaron o financiamento necesario de 2,1 millóns de euros para rematar as obras para dispoñer dos servizos básicos, tiñan a achega de cartos da Xunta, da Deputación Provincial de Ourense e tamén a asociación de comerciantes di que estaban dispostos a pór 200.00 euros para o acondicionamento do edificio, pero que o alcalde rompeu todas as negociacións. Máis aló do conflito e sen saber de leis e burocracia, a xente pide que busquen unha solución para que Ourense non quede sen a súa praza de abastos no edificio histórico.
"Que busquen unha solución por favor, porque isto válenos a vida, eu vexo que en cada cidade hai unha praza (de abastos), e é o que nos gusta, polo menos a min", afirma unha compradora.
O Concello de Ourense rexeitou dar a súa versión desta polémica.