Nadalmente lucense, un mercado con elfos e con Papá Noel no corazón de Lugo
O mercado de Nadal inclúe chocolatadas, actuacións, obradoiros, xogos, maxia e contacontos
Moito máis ca un espazo de compras. Iso é o que ofrece o mercado de Nadal de Lugo, chamado Nadalmente lucense. Durante un mes enteiro, o poboado axudará a dinamizar o comercio local e reforzar vendas na campaña máis intensa do ano.
"Participamos dende que comezou esta iniciativa do mercado de Nadal, hai catro anos. Creo que é un aliciente para que se poida vender un pouco máis, para visibilizarnos e darnos a coñecer", sinala a comerciante Montse Fernández Rego.
"Ao mercado traemos complementos para nenos, para home e para muller. É a terceira vez que vimos, e a verdade é que nos vai moi ben", engade a tamén comerciante Lorena Meis.
"Son os plásticos que recollo na praia, aquí dentro. Así reciclo e aproveito para vender estas pezas neste nadal, ofrecendo uns agasallos únicos", explica a artesá Ana Cabanes Fontao.
O calendario do mercado de Nadal lugués inclúe obradoiros creativos, xogos tradicionais, contacontos, maxia, exhibicións de baile ou degustacións de chocolate, que son de balde os sábados. Para iso, incorpora cabanas habilitadas para espectáculos, cunha programación pensada para todas as idades, en especial para os máis pequenos.
"Ás veces contamos aquí coa axuda de Santa e de Mamá Noel. Veñen contarnos algúns contos e para cumprir os desexos dos nenos, saber os agasallos que queren", di a elfa de Papá Noel María Vázquez.
"Adóitanse facer bastantes actividades. De cando en vez poñen música e fan actividades para os nenos pequenos", destaca a dependenta Uxía Mesías.
"Vendemos chocolate quente. Tamén viño quente caseiro, a base de froitas e especias coma ramiñas de canela e cravos", salienta, pola súa parte, Aurora Gavidia, encargada do posto de chocolate.
O mercado de Nadal da Praza Maior de Lugo permanecerá aberto ata a véspera de Reis.