Os Reis Magos xa están en Galicia
As súas maxestades aterraron a media mañá no aeroporto de Santiago, fixeron algunhas visitas protocolarias, xantaron e foron descansar
Estabamos moi pendentes do voo RMO 0501 procedente de Oriente que aterrou puntual no aeroporto de Santiago. A bordo viñan os Reis Magos. Os paxes encargados do protocolo avisaran as autoridades e fixeron unha convocatoria oficial.
Os Reis saudaron os nenos, recibiron as cartas dos máis preguiceiros e foron xantar. Agora mesmo están descansando nos seus apousentos. Despois de gozar da gastronomía local queren durmir unha pequena sesta porque van ter unha noite de moitísimo traballo.
Antes da noite, en que repartirán agasallos por todas as casas, teñen que repasar ben as peticións para que non falte ningún paquete.
Gaspar díxonos que non nos preocupemos, que traen trinta avións cargados de xoguetes. Só piden que lles deixemos un refrixerio.