Chega o día 'D' de Nadal: desilusión, disimulo e devolución dos regalos non desexados
Sete de cada dez persoas aseguran que ás veces reciben agasallos que non lles gustan
O corenta por cento dos españois cambia ou devolve presentes recibidos nestas festas
Para gustos hai cores e cada sete de xaneiro arrinca unha última tradición de Nadal: devolver eses agasallos que non nos deixaron satisfeitos. Sete de cada dez persoas asegura que nalgún momento recibiu un regalo non desexado e catro de cada dez españois admite que, a partir de hoxe, irá cambiar ou devolver algúns artigos. Acontece con frecuencia coa roupa, un dos presentes máis habituais en Nadal e coa que se cometen erros de talle ou estilo.
"O máis problemático é coa roupa. Tes un talle, pero logo, cos turróns, o talle non é o mesmo e... ui!", conta con retranca un mozo que pasea polo centro de Vigo.
"Este ano houbo que cambialo porque non me gustou nada... un xersei", recoñece abertamente unha muller.
Tamén se repiten os chascos coas colonias e cos perfumes, un agasallo moi repetido cada Nadal. Para moitas e moitos o aroma é un asunto moi particular e por iso hai que ter bo olfacto.
"É un regalo moi persoal e non sempre se acerta. Unha vez regaláronme un perfume e tiven que ir cambialo", lembra un mozo venezolano que vive en Galicia.
"Un xabón para a cara que cheiraba moi mal. Non o puiden utilizar", revela unha rapaza.
"Regaláronme unha colonia e a min non me gustaba nada. Debeu de ser hai trece anos e está enteira", relata unha muller mentres trata de evitar unha gargallada.
Marcharon as súas maxestades e chegamos ao día 'D'. 'D' de decepción, desconcerto ou disimulo.
"Si, unha vez regaláronme unha picadora manual, como un muíño... que non sabía nin para que era", fai memoria unha turista que visita Vigo polo Nadal.
"Porque hoxe en día hai tanta oferta que é moi difícil atinar. Pero o importante é pór esforzo, entusiasmo, tempo...", afirma outra muller.
A maioría dos comercios, tamén os que venden por Internet, xa contan coa actividade extra que provocarán as devolucións. Algúns mesmo dan un prazo específico para trocar ou devolver os agasallos que se recibiron durante as últimas semanas.