Os xoguetes para adultos xa representan o 30 % do negocio e compensan a caída da natalidade
Moitos maiores de idade piden xogos para Nadal, sobre todo bonecos, maquetas e videoxogos
A nostalxia polos bos tempos da infancia é un factor clave no crecemento deste mercado
Os adultos tamén xogan. E tamén lles piden xoguetes aos Magos de Oriente. Os maiores de idade gañan cada vez máis peso no mercado e, segundo os datos da asociación española de fabricantes, xa representan o trinta por cento da facturación. Demandan, sobre todo, figuras de marcas concretas, bloques de construción e videoxogos. Hai, en xeral, dous tipos de cliente: os coleccionistas, que buscan artigos raros ou para completar grandes series, e xente que quere revivir os anos da infancia e aquelas fermosas sensacións.
"Vou mercar a Game Boy edición Pokemon, porque e unha consola da miña infancia", relata un mozo mentres elixe un pequeno aparello vermello nunha tenda de Vigo.
"É pura nostalxia. Se ti, imaxina, de nena tiñas unha Game Boy, o máis probable é que a túa parella veña buscar unha Game Boy para poder regalarcha", explica Ángel Barros, o propietario de Replay Games, un negocio especializado no centro de Vigo.
Máis negocios empezan a sentir o potencial do mercado de xoguetes para maiores de idade. Algunhas grandes marcas producen dende hai anos artigos orientados completamente a adultos, como xogos de construción, por exemplo. E nas tendas hai cada vez máis espazo para estes produtos.
"Se volvese á infancia, pediría de novo As tres xemelgas, porque me fixeron moi feliz daquela", imaxina unha moza mentres agarda quenda nunha tenda de Vigo.
"Eu creo que esta maqueta dun coche de Fórmula 1, ou esta outra", elixe outro mozo diante do estante dos bloques de construción.
"A maior parte dos adultos que mercan este tipo de cousas non teñen fillos e por iso gastan bastante", asegura Noelia Pérez, de xoguetes Din y Don.
Boa parte dos adultos que piden xoguetes o que intentan é sumar as fillas e os fillos á súa antiga afección. Acontece coas pistas de carreiras, determinados bonecos ou xogos de mesa clásico. Tamén hai xente que, simplemente, quere concederse un premio no Nadal, talvez aquela cousa que sempre quixera pero nunca chegara a ter na infancia.
"Bola de dragón. É do máis demandado. Ao final forma parte da nosa infancia", afirma Alberto Castro, de Cómics Vigo, mentres amosa unha vitrina chea de figuras da mítica serie da TVG.
O negocio dos xoguetes para adultos leva anos crecendo en España. O sector compensa así a baixada de vendas pola caída da natalidade, que segue indo a máis.