Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os propietarios das vivendas de uso turístico da Coruña levarán ao xulgado a ordenanza municipal

Os propietarios das vivendas de uso turístico da Coruña levarán ao xulgado a ordenanza municipal

Cren que o carácter retroactivo da nova ordenanza vulnera os seus dereitos

Aseguran que un 80% das vivendas actuais terán que pechar porque non cumpren coa nova normativa

G24.gal 08/06/2025 14:33 Última actualización 08/06/2025 14:48

A asociación de vivendas de uso turístico de Galicia (Aviturga) vai levar ao xulgado a ordenanza aprobada esta semana polo Concello da Coruña que regula esta actividade.

Os propietarios entenden que un 80% das vivendas actuais non poderán dedicarse xa a un uso turístico por mor da retroactividade da lei e que a medida non vai facer baixar os prezos do alugueiro residencial.

No rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta figuran 1.389 vivendas de uso turístico na cidade da Coruña. En ano e medio case se duplicaron, fundamentalmente na zona vella e na Pescadería. A ordenanza municipal regulará estas vivendas, tanto as que xa existen coma as futuras. Limita o número por habitantes para frear a xentrificación, só permite que estean situadas en plantas baixas ou en primeiros pisos e en edificios para este uso exclusivo. Son medidas que tratan de frear a suba de prezos dos alugueiros residenciais, pero os actuais propietarios cren que se vulneran os seus dereitos.

"Entendemos que o concello ata o 2024 non pediu ningún título habilitante e consideramos que unha ordenanza non é a fórmula axeitada, que nos aplica con carácter retroactivo unhas medidas e restricións cando viñamos facendo as cousas como se nos pediu. Nós entendemos que unha postura intermedia sería respectar os dereitos das vivendas que están funcionando, establecer un réxime de saída, un prazo a futuro para que as licenzas puidesen revogarse. A regulación de que sexan baixos ou primeiros non nos parece mal, sempre e cando non se lesionen os intereses das persoas que o fixeron ben ata agora e se acolleron a unha regulación autonómica que está vixente", asegura Rafael Serrano, vicepresidente de Aviturga.

A entrada en vigor da ordenanza está prevista para principios de xullo e os propietarios teñen ata tres meses para regularizalas pero valoran que ata un 80% desaparecerán do mercado.

"No centro da cidade non vai quedar ningunha vivenda e nos barrios vai quedar moi reducida: nos baixo e primeiras plantas, poucos. Nos edificios completos esíxeselles a perda de habitabilidade como vivenda, así que coidamos que tampouco vai haber moitos edificios que escollan esa opción", asegura Serrano.

Cren que con esta medida A Coruña vai perder un perfil de visitante familiar que pasaba varios días na cidade e que non vai ir a un hotel.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade