Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os primeiros poboadores de chan galego residían no Porriño hai 300.000 anos

Os primeiros poboadores de chan galego residían no Porriño hai 300.000 anos

"Podemos dicir que as Gándaras de Budiño teñen o xacemento con presenza humana máis antigo de Galicia", afirmou Méndez Quintas, investigador responsable do achado

Imaxe de escavacións nas Gándaras de Budiño | Concello do Porriño
G24.gal 22/03/2023 20:48

Os resultados das datacións realizadas no xacemento paleolítico das Gándaras de Budiño, no Porriño (Pontevedra), confirman que os primeiros poboadores de Galicia viviron no municipio hai máis de 300.000 anos.

Así o confirman os estudos presentados este mércores polo arqueólogo da Universidade de Vigo Eduardo Méndez Quintas e o alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo.

Segundo explican nun comunicado, o xacemento das Gándaras de Budiño foi o primeiro enclave da época paleolítica en ser identificado e escavado en Galicia.

Desmontando un "paleolítico anacrónico"

Inicialmente por Emiliano Aguirre en 1963, coñecido por ser o impulsor do proxecto de Atapuerca, Budiño pasou a converterse nun xacemento de referencia nacional e internacional.

Porén, sempre resultou altamente problemático, xa que as primeiras datacións indicaban unha cronoloxía duns 25.000-15.000 anos de antigüidade, cando este tipo de lugares tiñan que ter unha idade superior aos 100.000 anos.

"Isto levou á idea de que no noroeste da Península Ibérica existía un Paleolítico atípico e anacrónico con respecto ao que ocorría no resto do suroeste de Europa. Isto supuña un argumento para defender a idea do atraso secular de Galicia, que xa arrincaba no Paleolítico", explicou Méndez Quintas.

De aí, destacan, a relevancia da investigación desenvolvida no xacemento das Gándaras polo equipo de investigadores liderados por Méndez Quintas e o investigador Manuel Santonja, do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), que resolven estes erros na cronoloxía.

"Podemos dicir que as Gándaras de Budiño teñen o xacemento con presenza humana máis antigo de Galicia", afirmou Méndez.

Detallan que os traballos desenvolvidos na última campaña consistiron na realización dunha escavación nunha área de 30 m², que complementaban a campaña de sondaxes arqueolóxicas desenvolvidas durante o ano 2018.

"Na pequena superficie intervida recuperáronse máis de 1.000 artefactos líticos, entre os que destacan abundantes exemplos de bifaces e outras pezas características das industrias de tipo achelense", apuntou Méndez.

Coexistencia de varias tecnoloxías diferentes

Así, os resultados confirman "o que os arqueólogos sospeitaban", que os niveis antigos do xacemento teñen máis de 310.000 anos de antigüidade, e idades máis recentes, de entre 25.000 e 55.000 anos, os niveis superiores. "Podemos dicir que as Gándaras de Budiño teñen o xacemento con presenza humana máis antigo de Galicia", afirmou Méndez.

"A cronoloxía do xacemento e as características das ferramentas líticas acrecenta a importancia do sitio no contexto do desenvolvemento cultural e humano do final do Plistoceno Medio europeo. Sitios como As Gándaras xustifican a coexistencia nesta época de varias tecnoloxías diferentes (Achelense e Paleolítico Medio Antigo), producidas á súa vez por especies humanas diferentes e con orixes xeográficas diferentes (unha especie africana indeterminada e os neandertais)".

Avanzan que os resultados nesta nova fase de investigación se publicarán proximamente nunha revista científica nun artigo en que xa traballan.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade