Os prezos do marisco mantéñense estables a catro semanas da Noiteboa
Este mes aumentaron as vendas para conxelar pensando no Nadal
Os temporais condicionan a actividade pesqueira, pero non se está a notar especialmente nos mercados. Hai peixe e marisco dabondo nas prazas e a uns prezos que, a catro semanas da Noiteboa, apenas variaron nas últimas semanas.
O prezo da centola e, en xeral, o do marisco mantense bastante estable. O quilo de lagostino, por exemplo, vendeuse a 60 euros e o das nécoras andou ao redor dos 45.
No mercado coruñés da praza de Lugo o camarón máis grande pagouse este sábado a noventa euros o quilo. Boa parte do que se leva vendido en novembro está nos conxeladores, reservado para o Nadal.
As expectativas das peixeiras para as festas son boas porque a escalada de prezos aínda está por chegar.