Os plantóns nos restaurantes, un problema para locais pequenos ou con menús elaborados
No caso de reservas para grupos empeza a xeneralizarse o cobro dunha cantidade por adiantado
En moitos restaurantes están afeitos a que clientes que reservaron mesa non se presenten. O prexuízo para o hostaleiro depende do tipo do local. Hainos con dispoñibilidade total, onde non supón un problema que non aparezan os clientes. Pero a cousa cambia en establecementos de poucas mesas ou con cociñas máis elaboradas.
"Nos restaurantes gastronómicos con 20 ou 22 prazas, que rexeitan mesas, e logo non aparecen (os que reservaron) é un problema. Fan os preparativos correspondentes a esas persoas e se non aparecen seis persoas quédanlles eses ocos e é o 30% da facturación", sinala o hostaleiro Alfonso Moldes.
En cidades como Santiago iso ocorre durante todo o ano. E un dos períodos críticos son as ceas de Nadal.
"Se somos 22 aparecen 16, iso si que é un problema para nós porque eses seis podiámolos ter vendidos, sobre todo nas últimas quendas", explica o hostaleiro Alfonso Moldes.
Por iso, nesas datas piden unha cantidade por adiantado como sinal. Tamén para reservar a grupos a través de axencias. Nese caso, hai que aterse á lexislación que protexe os consumidores e usuarios.
"A norma establece algúns supostos concretos con máis de 20 comensais ou cando é máis do 40% do local ocupado. O restaurador ten que informar a persoa que fai a reserva de que, se non cumpre, pode cobrarlle a cantidade", recorda Ramón García Seara, presidente da Asociación de Turismo e Hostalería Compostela.
Un hábito que din que empeza a xeneralizarse en locais das grandes cidades.