Os piragüistas galegos inician con éxito a Copa do Mundo en Szeged
Os piragüistas galegos inician con éxito a Copa do Mundo en Szeged
Antía Jácome adiántase na competición e disputará as semis de C1 200, C2 200 e C2 500 metros
Os K4 500 dos galegos Carlos Arévalo e Carlos Pérez tamén están clasificados para a seguinte rolda
Dezaseis galegos compiten por un billete para o Mundial de Duisberg (Alemaña), onde se repartirán as prazas olímpicas
O camiño aos Xogos Olímpicos de París é longo. A viaxe comezou este xoves en Szeged, Hungría, escenario da Copa do Mundo en que dezaseis galegos buscan billete para o Mundial de Duisburg. Alá competirán polas prazas olímpicas.
De momento, un dos grandes atractivos galegos desta Copa, amais de Teresa Portela, é a que está chamada a ser a súa sucesora, Antía Jácome. Antía quere brilar nas dúas distancias olímpicas: o C1 200 e o C2 500 en que compite con María Corvera, onde por certo quedaron primeiras da súa serie.
"Saín moi contenta, moito mellor do esperado. No C1 200 sentinme moi ben e no C2 200 estivemos incribles", relata Antía Jácome. "A verdade é que imos moi cómodas tanto dentro como fóra da auga. Esa é a clave. Pero había que adestralo e traballalo", engade María Corbera.
O K4 500 de Saúl Craviotto, Marcus Cooper e mais os galegos Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, medallista en Toquio, tamén está clasificado para as semis tras quedar terceiro nunha serie marcada polo vento.
"As sensacións hoxe foron complicadas, había moito vento. Temos que ir adaptándonos despois desta primeira tirada", conta Carlos Arévalo.
Pola súa banda, o K4 500 do galego Carlos Pérez 'Perucho', outra das garantías para París, asinou unha quinta praza e disputará este venres a seguinte rolda.
"Esta é unha das regatas máis importantes do calendario. Aquí ves onde estás para o campionato do mundo que che dá a clasificación para a Olimpíada", explica Carlos Pérez.
A Copa do Mundo de Hungría reúne os grandes referentes do piragüismo mundial. A competición estenderase ata a fin de semana.