Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os piares da política económica de Rueda, por Venancio Salcines

OPINIÓN

Os piares da política económica de Rueda, por Venancio Salcines

G24.gal 16/10/2023 09:15

Unha boa parte das políticas do presidente Rueda son unha continuidade das aplicadas por Núñez Feijóo. Dito isto, Alfonso Rueda comezou a construción dun novo relato económico para Galicia, continuísta na filosofía, pero con moitos matices novos, tantos que xa se pode afirmar que está a tecer un novo relato económico.

A nova acción de goberno de Rueda está a construírse, no eido económico, coa vicepresidenta Ánxeles Vázquez, coa conselleira de Economía e Industria María Jesús Lorenzana e co conselleiro de Medio Rural José González, e pivota sobre tres eixes:

1) Revolución administrativa no eido do investimento industrial.

España, e Galicia non era unha excepción, estaba a disparar tiros permanentemente no pé cun exceso de burocracia que estrangula e expulsa os investimentos a outros países. Non temos máis que mirar cara ao norte de Portugal para darnos conta de que se queremos ser destino de investimentos debemos darlles seguridade xurídica, pero tamén temporal, aos investidores. A tarefa non é sinxela, pero a vicepresidenta Vázquez e a conselleira Lorenzana están a liderar cambios administrativos que con toda seguridade serán estudados por outras autonomías.

A simplificación da avaliación medioambiental e os cambios da regulación dos proxectos industriais estratéxicos para poder ser declarados de interese público dende o minuto cero foron claves e naceron da man dos técnicos da vicepresidencia. Grazas a estas medidas, o resto das consellerías afectadas puideron ir tecendo rebaixas substantivas nos tempos de tramitación dos expedientes industriais. Hoxe, o goberno galego comprométese a tramitar un expediente, que en outras autonomías podería tardar seis ou sete anos, en só un ano. Todos os expedientes industriais que se tramiten en Galicia non superarán os doce meses. Dicilo e cumprilo é disruptivo. Chapeu, presidente Rueda.

2) Sostibilidade.

A loita contra o cambio climático é un obxectivo mundial, pero en Galicia é algo mais, é unha oportunidade de recuperar a forza pasada do noso rural. Como? Poñendo en valor os nosos bosques. Galicia non se entende sen os seus eucaliptos e sen os seus piñeiros. Pero se queremos que estas árbores sexan tractores temos que anchear a súa base de acción. E aquí a acción de goberno recaeu sobre José González e dependerá, en gran medida, da vicepresidenta Vázquez que poidamos facer historia. En que consiste? En incorporar a madeira construtiva, que se sustenta no piñeiro de Galicia, na obra pública galega, e entre esta que se utilice no futuro parque de vivenda pública.

Falar de madeira construtiva é falar de produtos de alto valor engadido capaces de substituír o formigón, que cambiarán os modelos construtivos, as técnicas, e xerarán postos de traballo de calidade. José González e Ánxeles Vázquez teñen nas súas mans o nacemento dun novo sector económico, e se estas novas técnicas, xa coñecidas nos países do norte de Europa, fósemos capaces de casalas co formigón, facendo que materiais substitutivos se convertan en complementarios, entón seriamos tamén vangarda do coñecemento. Xa que isto non se fai en ningunha parte do mundo.

En canto ao eucalipto, estamos a falar da economía circular levada á máxima expresión. Os novos investimentos, de ENCE nas Pontes e de ALTRI en Palas de Rei, farán de Galicia unha potencia en fibras vexetais. Máis cedo que tarde, nas nosas casas teremos tecidos xerados a partir do eucalipto, tecidos que, coas técnicas axeitadas, poden reciclarse e estar listos para un novo proceso produtivo en só oito días.

Os nosos bosques, grazas á acción do goberno do presidente Rueda, serán claves na construción e no téxtil do futuro inmediato.

3) Recursos naturais.

A industria do futuro pasa polos nosos recursos, camiña polos nosos ventos, polo noso subsolo, polas nosas augas. Son os nosos recursos e temos que poñelos ao servizo dos galegos, de xeito que xeren empregos de calidade e impulsen o resto do noso tecido empresarial. Dito isto, tamén é certo que outros pobos teñen estes e outros recursos, polo tanto a clave é captar os investimentos necesarios para arrancar o novo futuro industrial de Galicia. E nesta tarefa é clave a conselleira Lorenzana, que xa ten demostrada, na súa época á fronte da Consellería de Emprego, a súa capacidade para asumir retos complexos.

Necesitamos novas cadeas de subministración, requirimos cableado para a eólica mariña e para os automóbiles de Stellantis e temos no centro de Galicia o definido, polo Colexio de Xeólogos de Europa, como un dos principais xacementos mineiros de Europa. Activemos os nosos recursos e cambiaremos a faciana de Galicia. Esta terra nosa que loitaba hai trinta anos para deixar de ser un referente do subdesenvolvemento e mañá pode ser todo un referente da nova axenda económica de Europa. Aquí, neste xeito de ambición, é onde observo a nova política económica do presidente Rueda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade