Os peregrinos enchen o Camiño Portugués cara a Compostela
A maxia do Camiño non deixa de sorprender peregrinos de todo o mundo
Unha das rutas que máis medrou é o Camiño Portugués
En Padrón os albergues colgan estes días o cartel de completo
No albergue da Meiga, en Padrón, afánanse en preparar todos os cuartos e estancias comúns para acoller os numerosos peregrinos que están a recibir cada día. Esta Semana Santa comezou a temporada alta e xa están ao cen por cento de ocupación.
"Toda a Semana Santa estivemos ao 100 % e hoxe tamén seguiremos así, e case toda a semana que vén. Temos unha ocupación de 42 persoas e case todos veñen con reserva", di Belén Vázquez, xerente do albergue da Meiga.
O Camiño Portugués cara a Compostela xa ten moita sona e conta cada vez con máis afluencia de peregrinos. Veñen desde distintas partes do mundo: do Canadá, Irlanda, Alemaña, do Xapón ou de Nova Zelandia.
"Eu quería un desafío e viaxar soa para coñecer xente nova e poder ter novas experiencias", di unha peregrina.
"Á xente gústalle sobre todo o Camiño da Costa, o central tamén, pero sobre todo o da costa, porque a xente chega a Lisboa ou ao Porto en avión de todo o mundo. Tivemos onte peregrinos de Singapur, de Filipinas, do Xapón, de Taiwán, de Corea do Sur", engade Belén Vázquez.
Tamén chegan peregrinos doutras partes de España e de Portugal. Nin a chuvia destes días freou a trasfega de camiñantes.
"Comezamos en Valença hai dous días, fixemos 45 quilómetros o primeiro día. É moi desafiante, tivemos moita chuvia".
"Dixéranme que o Camiño Portugués era moi bonito e quería compartilo coa familia".
"Comezamos a etapa en Vigo, simplemente porque nos gustaba e queriamos investigar a zona e queriamos chegar a Santiago e ímolo acadar", destacan outros peregrinos.
Á unha da tarde é a hora de apertura deste albergue e xa hai ringleiras á porta. Despois de moitos quilómetros camiñando os peregrinos chegan por fin para un tan merecido descanso.
