Os ovos ecóloxicos manteñen o selo malia procederen de pitas pechadas polo confinamento
Os certificados como ovos ecolóxicos proceden de explotacións en que as galiñas saen ao exterior e poden complementar a súa alimentación co que pican do chan. Co confinamento obrigado nas explotacións avícolas xa non é viable este modelo de produción
Os produtores prevén unha caída no volume de posta, sobre todo mentres as pitas non se adapten a estar pechadas
A día de hoxe en España hai uns 7 millóns de galiñas en explotacións de produción ecolóxica ou campeira
Os produtores que optaron polas explotacións ecolóxicas son os máis afectados polas medidas preventivas decretadas fronte á gripe aviaria.
"O estar en ecolóxico o que teñen é que estar fóra o máximo tempo posible. Coa restrición de metelas dentro temos que dar forraxe ecolóxica dentro. Ten que estar certificado que se lles dea dentro para manter o certificado de ecolóxico.", explica Roberto López, o propietario de Ovos Corazón de Galicia.
Agora o confinamento levou as explotacións a pechar unhas pitas afeitas a estar en liberdade, o que afecta ao volume de posta dos animais.
"Póñense máis nerviosas, é un cambio para elas. Ao estaren dentro temos que meter moito máis forraxe, que xa lles damos diariamente, pero agora temos que meter moito máis porque non lles chega", engade Roberto López.
O regulamento europeo permite que estas explotacións manteñan o selo ecolóxico malia estaren as galiñas confinadas, pero só un prazo determinado.
"Témolas que manter dentro, pero durante catro meses mantéñennos o certificado de ecolóxico".
En Galicia aínda non se detectaron casos de gripe aviaria nas granxas, só entre as aves silvestres, con maior incidencia de contaxios nesta época de migracións de outono. As medidas preventivas buscan evitar o contacto entre as aves de granxa e as silvestres para que non se propague un virus que os biólogos xa consideran endémico en España con casos rexistrados durante todo o ano.