"Os galos confinados van pelexar máis, e as galiñas van poñer menos"
Todas as aves de curral, a cuberto ou con malla paxareira
A medida contra a gripe aviaria colleu por sorpresa algúns criadores
Unha criadora de Vila de Cruces non contaba con ter que buscar tellado para todos os seus galos e galiñas dun día para outro.
"De súpeto veste obrigada a pechar animais que están afeitos ao aire libre. Non tes as instalacións preparadas e tes que facelo dun día para outro. É moito espazo, son moitos animais, é difícil", explica María Castro, criadora de galos e galiñas de Mos.
Na súa explotación non hai malla paxareira que evite o contacto coas aves silvestres. E ten unha extensión de terreo demasiado grande como para instalala agora. Así que María optou por confinar os galos nuns pequenos currais. Pero a rozadura non fai o cariño.
"Os galos xa son guerreiros fóra, imaxina dentro todos xuntos.Vanse pelexar, vanse picar, vai haber bastantes baixas".
Agarda que o confinamento non se estenda moito no tempo, xa que tamén teme que o cambio de rutina poida baixar a produción de ovos.
"Non teñen os poñedoiros habituais, así que por uns días van deixar de poñer por estrés. Despois, cando se afagan á nova rutina, comezarán a poñer, pero seguramente coman os ovos ao estar pechas nun microespazo".
Polo momento en Galicia non se detectaron focos de gripe aviaria en explotacións, pero o incumprimento do confinamento pode supoñer sancións. O obxectivo é evitar o contaxio coas aves silvestres que se atopan na fase de migración cara ao sur.