Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta alonga a suspensión de feiras de gando ata final de mes pola dermatose nodular contaxiosa

A Xunta alonga a suspensión de feiras de gando ata final de mes pola dermatose nodular contaxiosa

A conselleira María José Gómez destaca que segue sen detectarse ningún caso de gripe aviaria en animais domésticos nin granxas en Galicia

Explotación gandeira de vacas (EUROPA PRESS) Explotación gandeira de vacas (EUROPA PRESS)
G24.gal 12/11/2025 14:26

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, informou de que se amplía ata o 30 de novembro a suspensión de todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentración de gando en Galicia para protexer aos animais fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC), despois dos focos detectados en Cataluña.

Tamén está prohibida a entrada en Galicia de animais procedentes de explotacións situadas en zonas declaradas como restrinxidas a esta enfermidade. Con todo, os bovinos que cheguen con destino a sacrificio poderán entrar na comunidade, sempre que sexan trasladados directamente aos matadoiros.

Diso informou a conselleira en declaracións aos medios este mércores en Santiago, onde valorou que, "afortunadamente, nas últimas semanas non houbo máis casos" en Cataluña, o que "é unha boa noticia".

Pide "responsabilidade e precaución" aos gandeiros en materia de desinfectar e coas reses procedentes doutras comunidades. Nos próximos días que publicará a resolución que prolonga as medidas que estaban vixentes ata o día 17. "Toda precaución é pouca para evitar a dermatite nodular, que esperemos que non chegue a Galicia, pero de modo preventivo ampliaremos as medidas existentes", explica.

Así mesmo, remarca que a Xunta remitiu unha carta ao ministro de Agricultura, Luis Planas, na que reclama "coordinación" para que todas as comunidades adopten "as mesmas medidas" e indemnizacións, "igual que está a facer coa gripe aviaria".

Tamén pide ao Ministerio que inste a Bruxelas a sacar a esta enfermidade de categoría A, pois non é contaxiosa para os humanos, o que "supoñería que non se sacrificarían todos os animais nunha granxa, soamente os afectados; se corentenarían os outros, como se fan con outro tipo de enfermidades". Advirte de "unha afección económica brutal para os gandeiros", debido a que "hai que sacrificar todos eses animais dentro da granxa e proceder á destrución deles".

Igualmente, reclama que se de demande a Bruxelas "unha vacina marcada" para previr a enfermidade antes de que chegue, "porque a que hai actualmente é unha vacina que non está marcada, por tanto non se pode aplicar de modo xeneralizado".

En relación á gripe aviaria, a conselleira asegura que "non se detectou ningún caso en animais domésticos nin en granxas de avícolas" en Galicia, e subliña que "os casos que se detectaron son en fauna salvaxe", cunha forte migración nestas datas, polo que se adoptaron restricións de "precaución" nun total de 40 municipios galegos para as galiñas. Porén, o impacto da gripe aviaria, especialmente en granxas de posta nas que xa se sacrificaron máis de dous millóns de galiñas, está afectando tamén ao mercado agrario, influíndo cun efecto "moi puntual" nos prezos dos ovos segundo apunta o ministro Luis Planas.

A conselleira reuniuse ademais cos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) para abordar o novo marco financeiro europeo, no cal reclama manter os dous piares diferenciados: as axudas directas e o programa de desenvolvemento rural, unha parte en risco de desaparición.

Advirte de que o novo marco financeiro plurianual conta con 20 % menos de fondos e remarca a importancia para Galicia dos fondos de desenvolvemento rural para infraestruturas e mobilidade de terras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade