Os médicos volven á folga polo estatuto marco cinco anos despois do seu último paro
O paro está tendo un seguimento do 15,52 % en Galicia, segundo a Consellería de Sanidade
A ministra Mónica García afirma que"é necesario coidar os que nos coidan" para manter unha Atención Primaria "forte"
A folga de médicos convocada este venres a nivel estatal para protestar contra o borrador do Estatuto Marco que prepara o Ministerio de Sanidade alcanza en Galicia un seguimento do 15,52 %, segundo datos da Consellería de Sanidade.
Con este paro, os sindicatos convocadores, a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) e o Sindicato Médico Andaluz (SMA), reclaman un convenio propio, que se recoñeza a súa singularidade e poñer fin á precariedade.
En Galicia a CESM apenas conta con representación despois de que se desligara dela o Sindicato Médico de Galicia (Simega).
O seguimento da folga en Galicia
Os datos da Consellería recollen que 1.170 médicos secundaron a folga na xornada deste venres, o 15,52 % dos que estaban de quenda. Iso si, entre toda a atención hospitalaria, a participación ascendeu ao 20,66 %, ao alanzar un 21,07 % nos hospitais xerais e un 16,17 % dos comarcais.
O complexo hospitalario onde máis profesionais participaron foi o de Vigo, cun 38,25 %, seguido do de Ourense cun 29,03 % e o de Pontevedra co 24,11 %. Tamén alcanzou porcentaxes similares nos comarcais de Cee (25,64 %) e O Barbanza (24,14 %). Os restantes oscilan entre o 18,75 % do da Mariña e o 0 % do de Monforte.
En cambio, na Atención Primaria só fixeron o paro un 3,29 %, o que se traduce en 71 médicos de toda Galicia, sempre segundo Sanidade. Na empresa pública Galaria foi do 2,7 %.
Os motivos do paro
Cinco anos despois da última folga nacional propiciada polo esgotamento da pandemia, a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) e o Sindicato Médico Andaluz (SMA) convocaron un paro en toda España, a pesar das últimas reunións do Comité de Folga para tratar de achegar posturas co departamento que dirixe Mónica García pola reforma do estatuto marco que regula as condicións laborais do persoal sanitario do Sistema Nacional de Saúde.
Segundo expoñen, o documento incorpora a obrigatoriedade da exclusividade para os médicos especialistas nos seus primeiros cinco anos de contrato na sanidade pública e para os xefes de servizo, xefes de sección e coordinadores, e introduce un sistema de clasificación profesional que os equipara ao resto dos graduados, depreciando a formación e a responsabilidade específica do seu colectivo.
Así mesmo, omite calquera referencia á regulación da xubilación e ao cómputo das horas de garda para estes efectos.
A ministra de Sanidade pide "coidar os que nos coidan" en plena folga de médicos
A ministra de Sanidade defendeu este venres que é necesario "coidar os que nos coidan" para ter unha atención primaria forte. Mónica García, que declinou facer declaracións sobre a folga, recoñece que moitos profesionais sanitarios desta especialidade se viron "frustrados" pola elevada cantidade de pacientes que deben atender a diario e pola excesiva burocracia.
Neste sentido, a ministra lamentou que algúns médicos de familia sintan que non poden poñer o seu talento e coñecementos ao servizo dos pacientes, e que, ante esta situación, algúns cidadáns decidiran contratar seguros privados ou foran obrigados a sufrir longas listas de espera.
A pesar diso, a titular de Sanidade celebrou que a Atención Primaria española é "robusta" e "envexada" en todos os foros internacionais aos que acode. "A atención primaria é o corazón do noso sistema de saúde", asegura.
Na xornada de folga convocáronse concentracións en diferentes cidades de case unha decena de comunidades autónomas, desde Estremadura á Rioxa, pasando por Cantabria e Baleares.