Os investigadores buscan pistas sobre a autoría do incendio de Verín
Unha decena de persoas percorren os doce focos onde se iniciou o lume
Tamén entrevistas os veciños e afectados na procura de indicios sobre os incendiarios
Unha decena de persoas, entre os integrantes da Unidade de Investigación de Incendios e axentes do Seprona, traballan para descubrir que pasou en Verín ao redor das tres da tarde do mércores pasado, cando empezou o lume. Percorren paso a paso a superficie queimada e van balizando o percorrido das lapas.
José María Carles, adxunto de coordinación da UIFO: "O que facemos é ler o incendio ao revés de como se iniciou: seguimos os vestixios do lume ata chegar a unha área determinada e, se é posible, o punto de inicio".
Comparan o rastro que deixou o lume coas fotos e vídeos do incendio.
José María Carles, adxunto de coordinación da UIFO: "Buscamos o medio de ignición, porque nos pode levar a pescudar sobre motivacións, que tamén é o que nos interesa. Onte botamos todo o día, hoxe tamén, e mañá volveremos se é necesario".
Outros compañeiros encárganse das entrevistas. Buscan testemuñas, pistas sobre os movementos que houbo na zona nos instantes previos e inmediatamente posteriores ao inicio do lume.
Tomás Martínez, cabo do Seprona: "En campo estamos 4 ou 6 persoas e collendo manifestacións e pedindo gravacións, outros catro ou cinco compañeiros. Estamos tratando de averiguar o camiño que puideron facer e, se hai algunha cámara, tamén solicitamos as imaxes, a ver se nos aporta algunha información".
Mentres, os equipos de extinción seguen tamén co seu traballo, hoxe, fundamentalmente, arrefriando para que non se reactive ningún foco.