Besteiro apoia o compromiso do Goberno de investigar "ata o final" o accidente
O secretario xeral do PSdeG pide que as pescudas sirvan para "identificar e corrixir calquera deficiencia"
Considera que "as familias e as vítimas merecen coñecer toda a verdade" e que se asuman responsabilidades
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, comparte o compromiso do Goberno central para investigar "ata o final" as circunstancias e as causas do accidente ferroviario de Urda (Toledo), no que morreron 69 persoas.
"É o que lles debemos ás vítimas e ás súas familias, e tamén á cidadanía, que ten dereito a subir a un tren coa tranquilidade de que viaxa con todas as garantías de seguridade", defendeu nunha mensaxe remitida aos medios.
O dirixente socialista visitou este domingo en Monterroso a tradicional feira de Todos os Santos, onde manifestou que "as familias e as vítimas merecen coñecer toda a verdade" do acontecido e que se asuman "as responsabilidades que correspondan".
"Compartimos o compromiso do Goberno de investigar ata o final, con rigor e transparencia, e se houbo fallos ou neglixencias, haberá que esixir todas as responsabilidades que correspondan".
Así mesmo, quixo trasladar as súas condolencias á familia da muller pontevedresa identificada este sábado como unha das vítimas mortais do sinistro.
Besteiro tamén chamou a que a investigación sobre o accidente se teña en conta para "identificar e corrixir calquera deficiencia" que poida existir e así "reforzar a seguridade ferroviaria".