Pontón reclama unha investigación rigorosa e imparcial sobre o accidente, “caia quen caia”
Reclama "verdade, xustiza e reparación" para as vítimas
Esixe depurar responsabilidades políticas e non repetir os erros de Angrois
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu unha investigación “rigorosa e imparcial” que vaia “até o fondo” sobre o accidente para non repetir os erros do pasado.
"Que se tomen todas as medidas que sexan necesarias para que un accidente así non volva repetirse e que se depuren as responsabiliades políticas que sexan necesarias, caia quen caia", dixo Pontón.
Asegurou que a mellor maneira de homenaxear as vítimas é que realmente haxa “verdade, xustiza e reparación”.
“O que non podemos permitir é que se repita o que pasou en Angrois, onde a ferida segue aberta porque as vítimas non tiveron verdade, xustiza e reparación”, recalcou. “As vítimas deste accidente non deben pasar polo calvario que pasaron as de Angrois porque evidentemente as cousas non se fixeron como tiñan que facerse naquel momento, no que houbo un pacto de silencio entre PP e PSOE para tapar as súas responsabilidades ante esa catástrofe”, criticou.
Pontón insistiu en que, diante de diferentes catástrofes, estamos a ver como “o bipartidismo non asume responsabilidades” , e indicou que no caso de Angrois non só non dimitiu ningún membro do goberno de Mariano Rajoy senón que a daquela ministra Ana Pastor foi recompensada con tres anos máis no cargo e cunha presidencia no Congreso.
“Eses erros non se poden volver cometer agora”, manifestou, e indicou que a investigación ten que delimitar cales son as responsabilidades e que alguén ten que asumilas. “É evidente que Óscar Puente ten os días contados como ministro”, sentenciou.
Para a líder do BNG, é fundamental que "non se escatime un só euro á hora de solucionar os problemas de seguridade nas liñas de alta velocidade do Estado español”.