Publicador de contidos

Publicador de contidos

Controlado o incendio de Castrelo do Val tras arrasar 175 hectáreas

Controlado o incendio de Castrelo do Val tras arrasar 175 hectáreas

Nas próximas horas agárdase un cambio no tempo, que podería traer chuvia, e axudar a combater o lume

G24.gal 15/08/2022 09:13 Última actualización 15/08/2022 19:31

Os incendios na provincia de Ourense son os que concentran nestes momentos a máxima atención dos dispositivos contraincendios.

Contra as 18:30 desta tarde Medio Rural daba por controlado o incendio da parroquia de Campobecerros no concello de Castrelo do Val tras arrasar 175 hectáreas.

 

Foi este o último dos incendios en declararse, pasadas as 22:00 horas deste domingo, e Medio Rural asegura que no seu inicio detectáronse varios focos, polo que todo apunta á súa intencionalidade.

No concello de Riós quedou establizado o incendio que comezou que comezou a arder no monte este domingo á tarde na parroquia de Fumaces, e afecta tamén ás da Trepa e a propia de Riós, que lle dá nome ao concello. En total leva calcinadas unhas 103 hectáreas segundo o último reconto realizado por Medio Rural.

A alcaldesa de Riós, Eva Barrio, en declaracións aos servizos informativos da Televisión de Galicia, xa aseguraba que a situación mellorara durante a noite, pero que os medios de extinción aínda tiña traballo por diante.

Tamén na provincia de Ourense, o incendio iniciado no concello de Oímbra, na parroquia das Chás, quedou estabilizado, segundo informa o Twitter da Xunta, @incendios085. Leva queimadas 70 hectáreas. Alí o lume arrasou por completo a capela de Santa Ana. Tan só quedaron en pé as paredes, de pedra. 

E non se perde de vista o lume iniciado hai unha semana nos concellos de Laza e Chandrexa de Queixa, que aínda se mantén activo, camiño da súa estabilización e que xa queimou máis de 2.000 hectáreas. 

As chamas están controladas no Irixo, parroquia de San Cosmede de Cusanca, con 680 hectáreas arrasadas ata o momento e na Gudiña, na parroquia de Pentes, onde hai 90 hectáreas queimadas.

Permanecen tamén controlados os lumes en Boborás, parroquia de Astureses, onde arderon 120 hectáreas, e en Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio con 440.

O único incendio da provincia de Lugo está en Ribas de Sil, na parroquia de Torbeo, nun punto da provincia de Lugo que limita coa de Ourense, e xa está estabilizado tras queimar 40 hectáreas.

Estes nove incendios suman en total 3.660 hectáreas queimadas.

Cambios no tempo

A xornada deste luns empeza cos ceos parcialmente cubertos e choivas a última hora, informa Meteogalicia.

A comunidade queda na influencia das baixas presións que enviarán unha fronte durante a madrugada, o que podería dar un alivio na loita contra os incendios.

A última hora da tarde comezarán as choivas polo oeste da provincia da Coruña e iranse estendendo ao resto do país co avance da madrugada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar