Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detidas 12 persoas acusadas de roubar 600 quilos de cobre en Asturias e Galicia

Detidas 12 persoas acusadas de roubar 600 quilos de cobre en Asturias e Galicia

A Garda Civil atribúelles seis roubos con forza cometidos nunha subestación eléctrica de Tineo e nunha central térmica da Coruña

 As actuacións permitiron recuperar 600 quilos deste material e identificar outras dúas persoas que están en busca e captura 

Foto: Garda Civil Foto: Garda Civil
G24.gal 03/11/2026 12:28

A Garda Civil detivo 12 persoas e investiga outra como presuntas autoras de seis roubos con forza de cobre cometidos en empresas enerxéticas de Asturias e Galicia. Trátase de seis subtraccións efectuadas nunha explotación mineira e nunha subestación eléctrica de Tineo e nunha central térmica da Coruña. As actuacións permitiron recuperar máis de 600 quilos deste material e identificar outras dúas persoas, que están en paradoiro descoñecido.

As investigacións comezaron a mediados de setembro despois de que denunciaran nunha explotación mineira de Tineo o roubo de ferramentas e cable de cobre valorados en 100.000 euros. Tras este furto viñeron outros dous cometidos durante o mes de setembro.

O 4 de outubro a Garda Civil interceptou un vehículo con tres persoas cando saía dunha das empresas afectadas. Os axentes tamén localizaron material roubado agochado entre a maleza dunha cuneta. Pouco despois, os axentes comprobaron que as matrículas correspondían a un coche dado de baixa había dez anos e que os investigados vendían o material subtraído en establecementos de reciclaxe situados tanto na zona dos roubos como nas súas localidades de residencia.

As actuacións relacionadas coa explotación mineira saldáronse con nove detidos, un investigado e outras dúas persoas identificadas e pendentes de detención. Teñen entre 20 e 48 anos e son veciños de Tineo, Grao, Avilés, Corvera e Oviedo.

A tres deles atribúeselles, ademais, un delito de falsidade documental pola colocación das matrículas falsas. Durante as pescudas, os axentes comprobaron tamén que catro destas persoas figuraban como presuntas autoras dun roubo de cable de cobre cometido o pasado agosto nunha central térmica da provincia da Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade