Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os incendios en Ourense superan xa as 31.000 hectáreas arrasadas

Os incendios en Ourense superan xa as 31.000 hectáreas arrasadas

Redúcese o número de núcleos confinados, actualmente só no da Madanela, en Monterrei

Brigada de bombeiros forestais en Vences, Monterrei (Europa Press/Rosa Veiga) Brigada de bombeiros forestais en Vences, Monterrei (Europa Press/Rosa Veiga)
G24.gal 15/08/2025 10:18 Última actualización 15/08/2025 18:01

Os incendios que afectan a provincia de Ourense manteñen nestes momentos confinados os veciños do lugar da Madanela, no concello de Monterrei. Son en total 122 persoas. Esta mañá puideron volver ás súas vivendas os veciños das Casas dos Montes, en Oímbra (142 persoas) e de Rebordondo, en Cualedro (60 persoas).

Os veciños de Estevesiños e Vences, que este xoves tiveron que resgardarse nas súas casas, xa non se atopan baixo confinamento.

Ademais, foron evacuados das súas vivendas sete veciños de Flariz, en Monterrei, que segundo o 112 Galicia xa puideron volver ás súas casas, mentres que os desaloxados dunha residencia de Chandrexa de Queixa continúan á espera de poder volver ao seu domicilio, e as 44 persoas da residencia da Mezquita que foron evacuados esta semana e trasladados á Arnoia xa puideron regresar.

Toda a provincia continúa en situación 2 de alerta e permanece interrompido o tráfico ferroviario entre Galicia e a Meseta.

Os incendios activos na provincia neste momento superan as 31.000 hectáreas arrasadas, segundo o último parte actualizado por Medio Rural.

O de Chandrexa de Queixa, camiño de ser o peor da historia de Galicia

O de Chandrexa de Queixa queimou xa máis de 11.000 hectáreas, convertido nun único incendio, tras a unirse o declarado o venres na parroquia de Requeixo, e o iniciado o martes na de Parafita, e vai camiño de converterse no peor da historia en Galicia, e afecta tamén ao veciño concello de Manzaneda.

Para a súa extinción mobilizáronse, ata o de agora, 22 técnicos, 103 axentes, 135 brigadas, 81 motobombas, 12 pas, 11 unidades técnicas de apoio, 25 helicópteros, 17 avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Dous incendios unidos en Maceda

Tamén é un único incendio xa os iniciados nas parroquias de Castro de Escuadro e Santiso, no concello de Maceda, e que afecta a unha superficie de arredor dunhas 2.500 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse en total 9 técnicos, 81 axentes, 121 brigadas, 75 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros, 18 avións, e efectivos da UME.

8.000 hectáreas queimadas en Oímbra-Monterrei

O incendio iniciado o martes no concello de Oímbra, na parroquia da Granxa, e que tamén afecta ao concello de Monterrei, queimou xa unhas 8.000 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 14 técnicos, 42 axentes, 60 brigadas, 39 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros, 10 avións e efectivos da UME.

O da Mezquita-A Gudiña pasou a Zamora

Tamén alcanza as 8.000 hectáreas ardidas o incendio iniciado no concello da Mezquita, na parroquia de Esculqueira, que tamén afecta ao da Gudiña, e que traspasou o límite con Zamora, onde hai uns 1.700 evacuados. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 22 axentes, 20 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros,  14 avións, efectivos da UME e medios terrestres portugueses.

Incendio na Gudiña (EFE/Sxenick) Incendio na Gudiña (EFE/Sxenick)

Tres incendios en Vilardevós

Amais, hai tres incendios activos en Vilardevós, nas parroquias de Vilar de Cervos, Moialde, e Fumaces e a Trepa, que arrasaron xa 500, 100 e 50  hectáreas respectivamente.

En Vilariño de Conso, o incendio iniciado en Mormentelos queimou xa unhas 250 hectáreas.

Nube tóxica no concello da Rúa polo incendio de Seadur

O incendio iniciado na parroquia de Seadur, en Larouco, queimou xa 800 hectáreas. As súas lapas avanzaron nas últimas horas ata Petín e A rúa. Nesta vila houbo que desaloxar a residencia Os Pinos pola proximidade do lume. O concello recomenda aos veciños non saír das casas xa que está ardendo o vertedoiro e estase a formar unha nube tóxica. Tamén arde a nave de Autoneum, unha fábrica de pezas de automoción. 

Situación 2 en Toques-Melide

Fóra da provincia de Ourense, declarouse a situación 2 no incendio iniciado no concello coruñés de Toques, na parroquia de San Martiño de Oleiros, ao aproximarse o lume ao lugar de Penagundín, no concello lindeiro de Melide. Polo momento estímase que o incendio queimou unhas 200 hectáreas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade