Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os hostaleiros galegos, con actividade por riba das previsións

Os hostaleiros galegos, con actividade por riba das previsións

O presidente da asociación Hostalaría de Galicia asegura que non percibiron unha mingua das reservas desde o pasado verán, malia a elevada inflación

G24.gal 08/06/2023 08:44

O presidente do colectivo Hostalaría de Galicia Cheché Real aseguraba esta mañá na Radio Galega que os establecementos teñen un nivel de reservas alto e que non notaron unha redución da actividade desde o pasado verán, cando se confirmou a recuperación plena trasa pandemia, malia a elevada inflación:

"Eu despois do verán dicía que ía haber unha parada, un control do gasto da cidadanía... Pois isto non sucedeu ata agora mesmo".

Real especula que pode deberse a que, despois da pandemia, a xente tivo un cambio de mentalidade e prefire gastar o que antes aforraba. Con todo, aclara que se ben a actividade dos negocios é plena, a rendibilidade baixou, porque non repercuten todo o incremento de custos nas cartas.

O presidente de Hostalaría de Galicia tamén asegurou que o sector está sendo o motor económico do país, creando moito emprego: "estamos preto dos 2 millóns de postos de traballo".

Sobre a falta de persoal, di que é un problema que teñen moitos sectores e que haberá que analizar en profundidade. Na súa opinión, as axudas gobernamentais a desempregados deben ir acompañadas de ofertas de traballo alternativas ou compromisos de formación.

Cheché Real tamén se pronunciou sobre a sentenza do Tribunal Supremo que  lles permitirá aos establecementos pechados pola pandemia reducir o pagamento do Imposto de Actividades Económicas (IAE) en función do tempo que pararon.

Considérao lóxico, pero reduce o impacto da medida lembrando: "Non é para todos; o IAE percíbelo cando facturas máis dun millón de euros".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade