Os hostaleiros de Compostela fan balance positivo da Semana Santa
A Asociación de Hostalería de Santiago destaca a recuperación do turismo internacional
Os hostaleiros de Compostela fan un balance positivo da ocupación nesta Semana Santa, especialmente no último tramo das vacacións. O portavoz da Asociación de Hostalería de Santiago, Carlos Regueiro, apunta que aínda non teñen as cifras definitivas, pero que "xoves, venres e sábado penso que estamos acadando o 100 por cento". Unhas cifras que contrastan cun inicio de semana máis frouxo, quizais -din - lastrado pola suba dos prezos, que puido provocar estadías máis curtas.
Regueiro destaca tamén a recuperación do turismo internacional e apunta ás boas perspectivas de cara ó verán: "Moito estranxeiro alemán, italiano... Tamén os americanos están empezando a vir algo. A verdade é que as expectativas son bastante boas ata finais de ano, de moito traballo".
Regueiro referiuse aos problemas do sector para atopar man de obra cualificada. Cre que non se debe ás condicións laborais, porque asegura que a maioría dos negocios de Santiago cumpren o convenio:
"Faltan, sobre todo, profesionais que collas para un traballo e non teñas que formalos, niso si hai falta de man de obra. E un non sei se é que moita xente antes da pandemia estaba no sector e despois moitos se cambiaron".