Os grandes desafíos do novo papa: navegar entre a tradición e a modernidade
O papel da muller, as parellas do mesmo sexo, manter a paz mundial e as novas linguaxes serán algúns dos puntos clave
A Igrexa católica empeza unha nova etapa en que terá que facerlles fronte aos grandes desafíos deste século. A gran pregunta é como xestionará o novo papa a herdanda que deixou Francisco e se atenderá ou non as demandas dos sectores que piden unha freada nalgunhas cuestións.
Ante os retos deste século, o mundo mira, máis que nunca, a Roma.
O novo papa debe fixar o rumbo que quere seguir a Igrexa católica nun mundo cada vez máis global, máis polarizado e máis secularizado.
O primeiro desafío será que facer co legado que deixou Francisco. Un papa moi activo, de xestos elocuentes e decididos e non sempre ben vistos dentro da curia.
A súa proposta pastoral de facer unha Igrexa periférica e aberta, que acolla a todos, xerou discrepancias internas. O exemplo máis claro, cando propuxo bendicir as parellas do mesmo sexo, algo ao que se opuxo abertamente a Doutrina da Fe.
O papa terá que navegar entre tensións internas e responder a profundas transformacións sociais.
Na súa man ten a decisión de dar pasos adiante ou pasos atrás en asuntos que Francisco deixou abertos, como o papel da muller ou a loita contra os abusos sexuais dentro da Igrexa.
Garantir xustiza para as vítimas e impoñer tolerancia cero nos encubrimentos será crucial para recuperar a confianza dos fieis.
A nivel interno, tamén terá que decidir se continúa coa liña marcada por Francisco dunha Igrexa máis sinodal, na que o sucesor de Pedro non está tan por enriba do resto.
Nun mundo marcado por conflitos relixiosos, o papel do papa como mediador e promotor da paz será crucial.
A nivel políico deberá prestar atención aos movementos da diplomacia vaticana sobre todo en Oriente Medio e en Ucraína. Nos últimos anos o Vaticano deu mostras de ser un actor político moi ben considerado a nivel moral.
Seguindo o legado da encíclica Laudato si, a Igrexa está chamada a ser un actor activo na defensa do medio ambiente e na loita contra a pobreza. E o papa terá que marcar que pasos se dan nese sentido.
Outro reto a que se enfronte, que non é menor, é ao uso nas novas tecnoloxías. En pleno século XXI as redes sociais e as novas linguaxes son clave na misión evanxelizadora da Igrexa.