Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os furtivos arrasan coas nécoras do porto deportivo de Moaña

Os furtivos arrasan coas nécoras do porto deportivo de Moaña

A Garda Civil xa dispón das imaxes gravadas polas cámaras de seguridade

O furtivismo é unha infracción grave que pode sancionarse con ata 6.000 euros

G24.gal 12/08/2025 14:21

O porto deportivo de Moaña está en pé de guerra contra os furtivos. A madrugada do sábado as cámaras do embarcadoiro captaron como un grupo de persoas en catro lanchas e armados con lanternas e trueiros arrasaron con toda a nécora que atoparon nas dársenas.

O tesoureiro do club social MoañaMar, Pepe Barreiro, di que ían con lanternas para alumear os pilotes e poder ver as nécoras que despois collían con ganapáns.

"Botaron sobre hora e media recorrendo o porto deportivo por todos os pilotes", asegurou Barreiro.

Luís Díaz, un usuario habitual do embarcadoiro, di que noutras ocasións viu embarcacións con luces pola zona pero non asegura que fosen furtivos.

Barreiro puntualiza que eles decidiron actuar contra os furtivos polas capturas e pola mala imaxe que se levan os usuarios que non poden descansar durante a noite.

O club denunciou os feitos ante a Garda Civil, que xa dispón das gravacións das cámaras de seguridade.

Recentemente contrataron un vixilante nocturno para disuadir os furtivos pero tamén animan aos usuarios do porto deportivo a denunciar ante as autoridades calquera infracción que se faga nas instalacións.

O furtivismo considérase como unha infracción grave que supón sancións dende os 301 ata os 6.000 euros para os practicantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade