Interceptan máis de 280 quilos de lagostinos sen documentación nunha furgoneta na Coruña
O vehículo transportaba 429 quilos cando só tiña documentados 148
O valor total ascendía a máis de 12.000 euros

O Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil interceptou unha furgoneta que transportaba 429 quilos de lagostinos, dos cales 281 non tiñan documentación de procedencia e rastrexabilidade.
O vehículo viaxaba dende Cantabria e transportaba os crustáceos ata A Coruña.
Segundo o instituto armado, a actuación fíxose entre os servizos que o SEPRONA da Coruña realizaba para fiscalizar o cumprimento da normativa pesqueira.
Ao inspeccionaren a carga, os axentes viron que a cantidade transportada era notablemente superior aos 148 quilos declarados na documentación.
Logo de detectaren a irregularidade, os axentes solicitaron a colaboración dos Gardacostas da Xunta para verificar os feitos. Posteriormente, procedeuse á escolta da furgoneta para pesar a mercadoría.
A pesada indicou que o vehículo levaba 429 quilos de lagostinos, polo que 281 carecían de documentación que amparase o seu transporte, incumprindo a normativa de rastrexabilidade e seguridade alimentaria.
O valor da mercadoría ascendía aos 12.645 euros. Esta foi entegada a un centro benéfico da localidade.
Ademais, procedeuse á confección das correspondentes actas-denuncia por suposta infracción da Lei de Pesca de Galicia.