Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os donos da granxa de Rodeiro que perdeu 22 vacas por un raio van reflotala

Os donos da granxa de Rodeiro que perdeu 22 vacas por un raio van reflotala

A cinco anos da xubilación, decidiron seguir adiante coa actividade e xa están buscando animais para comprar

O Concello de Rodeiro e a cooperativa O Rodo puxeron en marcha unha campaña de recadación de fondos para axudalos

Cándido saca pacer as vacas que sobreviviron ao raio
G24.gal 22/05/2025 14:46

Un raio matoulles 22 vacas cando regresaban con elas á casa no lugar de Quintá, en Rodeiro. Aquel raio fatal deixou só tres vacas, pero a Casa Pardo vai ter futuro. A solidariedade e os ánimos que recibiron os donos dende a traxedia foron o impulso definitivo para levantarse e seguir.

"Despois de pensalo ben, decidiron seguir", di o seu veciño Severino. "Nós animámolos moito, e tamén teñen xa feito un investimento en maquinaria e todo", engade. Manolo, primo e veciño do titular da explotación, fala das moitas chamadas e ofrecementos de axuda que tiveron.

"Ata chamou unha señora do País Vasco, que os pais tiveran vacas, e quería mandar cartos", di.

Así que, recuperando os ánimos, Cándido e Julia xa están buscando vacas para comprar. "Necesitan vacas que estean xa en produción, para ir sacando algún carto", di Severino. E que estean afeitas ao réxime de pastoreo, para que se adapten axiña. 

O Concello de Rodeiro e a cooperativa da que son socios uníronse para canalizar a vaga de solidariedade que lles chegou nestes días. Abriron unha conta para recoller donativos, e aínda teñen máis axuda agardando na recámara.

"Hai gandeiros que queren doar animais xa en produción, pero témolos en espera ata ver se chega co do seguro e os donativos que xuntemos", di Jesús Montes, presidente do Rodo.

Todos queren axudar e todos celebran a decisión destes gandeiros, coa arela de que recuperen axiña o que é o seu medio e a súa forma de vida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade