Os Bancos de Alimentos precisan voluntarios para Gran Recollida de novembro
En Ourense son necesarias unhas 500 persoas para informar e concienciar á poboación nos supermercados
Por agora tan só teñen confirmada un 20 por cento da demanda
Antonio leva anos sendo voluntario no Banco de Alimentos de Ourense. Faino, di, pola satisfacción de axudar. O seu labor é fundamental para encher os estantes que están case baleiros a estas alturas do ano.
Como comenta a coordinadora, Natalia González, precisan, sobre todo, alimentos para nenos, especialmente para lactantes. Tamén produtos básicos da cesta da compra para poder satisfacer a demanda das máis de 70 organizacións benéficas coas que colaboran.
A Gran Recollida é a campaña máis importante do ano. Contan con chegar aos 100 mil quilos de produtos, pero para iso precisan voluntarios. A súa presenza nos supermercados, concienciando e informando, incrementa as doazóns. Son tan só, din, catro horas do seu tempo, pola mañá ou pola tarde, para garantir durante meses o seu acceso a alimentación das familias máis vulnerables.
Os 54 bancos de alimentos de España axudaron o ano pasado a máis dun millón de persoas. Nesta nova campaña agardan recoller 10 millóns de quilos de alimentos en todo país coa axuda duns 75 mil voluntarios.