Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os custos pasados e presentes do Prestige, por María Loureiro

Os custos pasados e presentes do Prestige, por María Loureiro

G24.gal 16/11/2022 10:43

Na pericial presentada pola Fiscalía no caso Prestige, para a estimación dos custos económicos ocasionados polo afundimento do buque Prestige procedeuse a facer un cómputo dos servizos ecosistémicos perdidos pola devandita catástrofe; reflectindo o seu impacto económico na actividade pesqueira e de transformación de materias primas; na actividade turística e recreativa; así como perdas derivadas do sector do transporte marítimo. Ademais destas perdas nos sectores primarios, tamén se computaron as perdas derivadas doutros sectores que teñen dependencia dos devanditos sectores primarios, tales como o transporte, e a restauración.

Ademais tamén se incluíron os custos empregados polas distintas administracións públicas derivadas da limpeza e rexeneración dos ecosistemas danados.

Finalmente, co fin de computar os danos ambientais ocasionados pola catástrofe ambiental, que non teñen un prezo de mercado, obtivéronse datos directos dunha mostra representativa da poboación española. A suma total das perdas computadas en todas as epígrafes anteriores reflicte o valor económico total perdido e ten en conta todo o dano social causado pola devandita catástrofe, estimando principalmente no curto-medio prazo.

Nese informe e despois dunha primeira valoración conservadora e provisional pola falta de datos nalgunhas epígrafes de interese, obtemos unha estimación dos danos ocasionados polo buque Prestige, que alcanzan os 2.080,44 € millóns para Galicia no curto prazo, ascendendo a 2.439,67.€ millóns no medio prazo (ata 31-12-2006); no caso de España as perdas totais ascenden a 3.593,37 € millóns no curto prazo, que no medio prazo ascenden a 4.333,93 € millóns, sen ter en conta as reclamacións presentadas polo estado francés, nin os pagos anticipados polo FIDAC.

Estudos de seguimento posteriores ao 2007 son practicamente inexistentes, polo que resulta difícil falar dos custos presentes. Tampouco se baixou ao pecio e non sabemos como se atopa. Mariñeiros da zona da Costa da Morte indican que recollen galletas de chapapote cada vez que o mar se revolve, pero non sabemos se son do Prestige ou doutros barcos. Pero malia a dificultade de definir os custos presentes do Prestige, o que si podemos dicir é que son especialmente notorios no que se refire ao dano moral, representado pola rabia, pola angustia de tantos afectados que non recibiron compensación algunha despois de 20 anos daquela catástrofe. E se miramos para o futuro, tamén é doloroso pensar, que de ocorrer outra catástrofe semellante, da que non estamos exentos, de novo, a indemnización a recibir será como máximo de 1.000 € millóns establecida polo FIDAC, cando sabemos que a última custou arredor de 4.500 € millóns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade