Publicador de contidos

Publicador de contidos

Repartir a escaseza, por María Bastida

OPINIÓN

Repartir a escaseza, por María Bastida

María Bastida 30/09/2026 08:02

Onte coñecemos (máis concretamente, intuímos) o contido dos xa famosos decretos de vivenda. Entendo o obxectivo social de boa parte do paquete, pero vexo un problema serio de deseño se o que se pretende é resolver o problema da vivenda.

Hai medidas cunha lóxica evidente. Evitar que unha familia vulnerable quede literalmente na rúa mentres os servizos sociais buscan unha alternativa é unha política social defendible, e o esquema prevé ademais compensacións para os pequenos propietarios. Tamén é razoable pechar a porta aos alugueiros falsamente temporais ou por cuartos cando en realidade estamos a falar de vivenda habitual.

O problema está na acumulación de intervencións sobre o contrato privado. Prórrogas obrigatorias, posibles límites á actualización, restricións ao propietario, suspensión prolongada dos desafiuzamentos… Todo iso pode protexer o inquilino que xa está dentro. Pero non mellora o acceso de quen está fóra. O risco é xusto o contrario. Se aumenta a incerteza sobre cando e en que condicións recuperas unha vivenda, algúns propietarios pedirán máis garantías, subirán o prezo de entrada ou retirarán o piso do alugueiro residencial. E o prezo de calquera activo depende tamén do seu risco. Aínda non sabemos canto pesará este efecto, porque falta ver a redacción definitiva, pero o mecanismo existe e non ten nada de misterioso.

A cuestión central é que España ten, sobre todo, un problema de oferta. Pódense limitar prezos, protexer contratos ou repartir custos entre propietarios, inquilinos e Administración. Pero nada diso crea por si só unha vivenda máis en Madrid, Santiago, A Coruña ou Barcelona.

Por iso separaría dúas políticas que tendemos a mesturar. Unha é a política social, na que o Estado debe protexer a quen non pode pagar. Outra é a política de vivenda, que ten que conseguir que haxa moitas máis casas alí onde a xente quere vivir. Cando se utiliza o propietario privado como principal instrumento da primeira, pódese acabar prexudicando a segunda.

E renxe, por último, que o extraordinario se volva permanente. A suspensión de determinados desafiuzamentos naceu en 2020, coa pandemia. En febreiro prorrogárase ata finais deste ano, e agora quérese levar ata 2030. Cando unha medida excepcional dura dez anos, convén preguntarse se seguimos ante unha emerxencia ou ante unha política estrutural que debería deseñarse, e financiarse, como tal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos