OPINIÓN
Pelotón de cabeza, por María Bastida
Galicia medrou un 2,9 % en 2025. Un bo dato, por riba da media española, que nos sitúa entre as comunidades que máis medraron o ano pasado.
Con todo, hai outra cuestión máis interesante. Por que estamos a medrar? Porque non todos os crecementos son iguais. E é xusto aquí onde aparecen os datos realmente interesantes. O investimento medrou máis dun 4 %. A construción avanzou máis dun 7 %. Os servizos medraron preto dun 3 % e tamén aumentou a actividade industrial.
De feito, Galicia pechou o ano con máis de 192.000 persoas traballando na industria, un máximo histórico e un dato especialmente relevante. Porque unha economía pode medrar porque consume máis ou porque incorpora máis traballadores, e está ben. Pero cando ao crecemento se suman investimento, industria e creación de emprego, o dato gaña consistencia. A iso debemos sumarlle que temos un sector exterior que vén de anos récord e unha economía que hoxe está máis diversificada que nunca.
Iso non significa que estea todo feito. Nin moito menos. Seguimos a ter un PIB por habitante inferior á media española. Algo máis de 31.800 euros fronte a máis de 34.200. Aínda hai distancia. Pero precisamente por iso importa medrar máis. Se levas uns metros de atraso nunha carreira, para alcanzar a quen vai diante tes que correr máis rápido. E non durante cen metros, senón durante bastante tempo.
Isto é probablemente o importante do dato de hoxe. Non só que Galicia medrase un 2,9 %, senón que detrás aparecen algunhas das cousas que queremos atopar cando unha economía medra: investimento, emprego e industria. Agora cómpre conseguir que dure. Porque medrar máis que a media un ano é fantástico, pero facelo durante varios anos, con máis produtividade e máis valor engadido, é o que realmente che permite converxer. Esa é a carreira que importa. E, polo de agora, imos no pelotón de cabeza.