Un estudante español leva dez días detido polo ICE nun centro de inmigración dos EUA
O mozo, de 22 anos e natural de Barcelona, foi detido o venres en Florida tras perder o seu visado, que estaba vixente ata 2029
A universidade cancelou o permiso que acreditaba a súa condición de estudante internacional sen avisalo e o ICE enviouno diretamente a prisión
No momento do arresto, estaba axudando a un compañeiro a facer unha mudanza
Andrew Leyden/ZUMA Press Wire/dp/DPA
Un mozo universitario español de 22 anos leva dez días detido nun centro de inmigración de Xeorxia, nos EUA, despois de ser arrestado por axentes migratorios en Florida mentres axudaba nunha mudanza.
Segundo a súa avogada, a pesar de ter un visado vixente ata 2029 a universidade cancelou o documento que acreditaba a súa condición de estudante internacional sen avisalo previsamente.
O estudante, natural de Barcelona e adscrito á Universidade de Misuri, asinou un documento que lle presentaron como unha "deportación voluntaria", sen contar con asistencia legal. "Prometéronlle que nunha semana ía ser deportado e xa leva dez días alí", explicou a letrada Regina Pitarch, quen representa ao estudante catalán.
O mozo foi detido o venres 13 de novembro en Suwannee, no norte do estado de Florida, por axentes do Servizo de Inmigración e Control de Aduanas (ICE) cando estaba axudando a facer unha mudanza. "Por razóns que descoñecemos -indica a avogada- foi detido e trasladado de inmediato a prisión"