Os cinco acusados de golpear e roubar un empresario de Lobios, a xuízo en outubro
A Fiscalía pide máis de dez anos de cárcere para un dos cinco acusados que agrediu a vítima na súa vivenda
EuropaPress
Os cinco acusados de asaltar, agredir e roubar un empresario na súa vivenda de Lobios sentarán no banco os días 5 e 6 de outubro de 2026, despois de que non se acadara un acordo de conformidade na audiencia preliminar celebrada este venres no Tribunal de Instancia de Ourense.
Segundo recolle o escrito da Fiscalía, os procesados formaban parte dun grupo criminal dedicado a cometer roubos en vivendas habitadas e locais abertos ao público. O Ministerio Público atribúe ao principal ausado funcións de dirección e coordinación, mentres que outro actaba como informador, proporcionando datos sobre posibles obxectivos.
Os feitos ocorreron o 19 de xaneiro de 2025. A Fiscalía sostén que os acusados souberon que un empresario do sector da construcción residente en Lobios acababa de recibir un pago en metálico de 150.000 euros que gardaba na súa casa. Tras reunirse para planificar o golpe, catro desprazáronse ata avivenda da vítima.
Ao chegar, accederon á propiedade e, despois de ser descubertos polo propietario, agredírono violentamente mentres lle esixían que lles entregase o diñeiro. Segundo o relato fiscal, golpeárono repetidamente na cabeza e na zona costal e chegaron a atarlle as mans cunha corda mentres rexistraba a vivenda.
Os asaltantes levaron 6.000 euros en efectivo, ademais de xoias, reloxos, teléfonos, móbiles e outros obxectos de valor. Durante o roubo tamén ameazaron á esposa da vítima, que se atopaba no domicilio.
O empresario tivo que ser trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde ingresou co diversas lesións de gravidade e secuelas que precisaron tratamento médico e intervencións cirúrxicas.
A Garda Civil detivo os cinco acusados o 18 de febreiro de 2025 e todos eles ingresaron en privisión provisional sen fianza.
A Fiscalía solicita penas superiores aos dez anos para cada un dos procesados polos delitos de roubo con violencia, lesións e pertenza a grupo criminal. Ademais, reclama unha indemnización de 54.885 euros polas lesións e secuelas sufridas pola vítima, así como a devolución do diñeiro e dos efectos subtraídos.