Os Charlíns negan que branqueasen diñeiro do narcotráfico entre 2003 e 2010
Sobre o investimento de 1,9 millóns de dólares na China nunha planta de elaboración e transformación de produtos do mar, María Teresa Charlín dixo: "Fun para facer turismo, para ver ese mundo, que era unha cultura diferente a nós"
En canto á adquisición mediante unha poxa pública dunha depuradora de marisco intervida á familia, asegurou que todo o diñeiro que empregaron para obtela "tivo orixe lícita"

Varios membros da familia dos Charlíns negaron este luns na Audiencia Nacional que participasen en ningunha operativa de branqueo de diñeiro obtido do narcotráfico en Galicia entre 2003 e 2010, unha acusación pola que a Fiscalía pide para eles entre cinco e seis anos de cárcere e multas millonarias.
O clan xa foi condenado por branqueo do tráfico de drogas en 2003, aínda que a Fiscalía cre que, a pesar da condena, os seus membros proseguiron con esa actividade ata 2010, cando se puxo en marcha este novo procedemento que está a ser xulgado estes días na Audiencia Nacional.
Nel figuraron como acusados o patriarca, Manuel Charlín Gama, e o seu fillo Manuel Charlín Pomares, aínda que ambos faleceron en 2021 e 2019, respectivamente.
Os maxistrados escoitaron este luns os testemuños dos fillos de Charlín Gama -María José, María Teresa e Óscar Felipe-, e das súas netas Noemí Outón Charlín e Natalia Somoza Charlín, que rexeitaron de plano toda acusación contra eles. Só Francisco Melchor Charlín se acolleu ao dereito a non declarar.
O resto declarou unicamente a preguntas dos seus avogados e desvinculouse das operacións de branqueo que a Fiscalía inclúe no seu escrito de acusación, como o investimento de 1,9 millóns de dólares en China nunha planta de elaboración e transformación de produtos do mar na cidade de Qingdao, na provincia de Shangdong.
"Fun para facer turismo, para ver ese mundo, que era unha cultura diferente a nós", explicou María Teresa Charlín sobre a súa viaxe á China co seu irmán Melchor, e relatou o seu interese por "ese mundo" nunha época en que estaba a vivir unha situación persoal complicada, e "botaba noites sen durmir vendo as telenovelas turcas, chinesas e de canto país hai".
A Teresa Charlín, que foi absolta de branqueo en 2003, preguntáronlle pola adquisición mediante unha poxa pública dunha depuradora de marisco intervida á familia, e asegurou que todo o diñeiro que empregaron para obtela "tivo orixe lícita".
"Os pagos fixéronse polo banco", dixo, pola súa banda, a súa filla Natalia, a quen foi adxudicada a poxa en 2008.
A Fiscalía cre que, en realidade, Natalia actuou como "simple muller de palla" da súa nai, que era quen "realmente poñía o diñeiro" para a operación e que este procedía do narcotráfico.
A neta de Manuel Charlín tamén negou participar en ningunha operativa de lavado de diñeiro e, cando o seu avogado lle preguntou se ten algunha relación co tráfico de drogas ou co branqueo de capitais, respondeu: "Non, o apelido".