Publicador de contidos

Publicador de contidos

Portugal completa as autopsias das 16 vítimas do accidente do funicular da Glória

Portugal completa as autopsias das 16 vítimas do accidente do funicular da Glória

Identificados oito falecidos 

Entre os 23 feridos hai dez graves, seis deles en coidados intensivos

Montenegro rebaixa a 16 o número de mortos no accidente do funicular de Lisboa, que investiga a Fiscalía

directo Reuters
G24.gal 04/09/2025 19:33 Última actualización 04/09/2025 22:35

As autoridades portuguesas confirmaron este xoves que remataron as autopsias das 16 vítimas mortais do accidente do funicular da Glória, en Lisboa, e concluíron a recollida de probas sobre o terreo.

O presidente do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses, Francisco Corte-Real, explicou que falta por determinar os perfís xenéticos e aínda non se identificaron todas as persoas falecidas.

A Fiscalía informou que se identificaron oito vítimas: cinco portuguesas, dous surcoreanas e unha suíza.

Pola súa banda, o presidente da Policía Xudicial, Luís Neves, asegurou que xa lograron establecer con “alto grao de probabilidade” a identidade dun alemán, dous canadenses, un ucraíno e un estadounidense.

“Faltan tres que esperamos poder identificar no máis curto prazo, se pode ser hoxe mesmo”, dixo.

Entre os 23 feridos hai 10 graves, 6 deles na UCI

O director xeral do Servizo Nacional de Saúde, Álvaro Santos Almeida, precisou que entre os 23 feridos hai dez en estado grave, seis deles en UCI.

Entre estes, hai tres portugueses, un alemán, un surcoreano, un suízo e un caboverdiano, ademais dunha vítima que aínda non foi identificada.

Nun dos casos máis dramáticos, unha muller alemá permanece en estado grave tras perder ao seu marido no accidente, mentres que o fillo da parella, de tres anos, sufriu feridas leves.

Entre os feridos leves hai tamén israelís e brasileiros, así como dous españois que xa foron dados de alta, ademais de portugueses, alemáns, coreanos, caboverdianos, canadenses, italianos, franceses, suízos e marroquís.

A Policía Xudicial sinalou que, aínda que xa concluíu a recollida de probas no lugar, a investigación continúa, con traballos para recompilar documentación que permita esclarecer as causas do accidente.

O funicular descarrilou o mércores ás seis da tarde.

O Ascensor da Glória, inaugurado en 1885, conecta a praza dos Restauradores co Bairro Alto e co miradoiro de São Pedro de Alcântara, un dos máis visitados da capital portuguesa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade