Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fiscalía portuguesa investiga as causas do accidente do funicular de Lisboa: o número de mortos sobe a 17

A Fiscalía portuguesa investiga as causas do accidente do funicular de Lisboa: o número de mortos sobe a 17

Quedaron feridas 23 persoas; os dous españois xa foron dados de alta

A empresa informa de que pasara todos os controis

O Concello de Lisboa paraliza todos os elevadores para realizar "inspeccións ténicas"

directo O accidente produciuse ao romper o cable de seguridade (Reuters)
G24.gal 04/09/2025 09:16

A Fiscalía portuguesa xa está a recoller todos os datos sobre o accidente do funicular turístico na calzada da Glória para determinar as causas que o fixeron descarrilar no centro de Lisboa ata acabar esmagado contra un edificio nunha curva, preto da avenida da Liberdade. 

O número de mortos subiu xa ata os 17, e hai 23 feridos. En declaracións á prensa, unha portavoz da Protección Civil lusa rexeitou dar detalles sobre os países de orixe dos mortos. Quince dos mortos son adultos (sete homes e oito mulleres) e descoñécense aínda os datos dos outros dous.

Sobre os 23 feridos, dos que 7 están graves, subliñou que, segundo as informacións de que dispón, houbo dous españois, catro portugueses, dous alemáns, un coreano, un caboverdiano, un canadense, un italiano, un francés, un suízo e un marroquí.

O accidente aconteceu pasadas as seis da tarde, hora local, ao parecer ao romper un cable de seguridade, segundo as primeiras hipóteses. Isto provocou o descontrol do vehículo, que baixou desenfreado por unha pendente cun desnivel do 18 %. Un segundo funicular tamén foi afectado e desprazado uns metros. 

O elevador quedou totalmente desfeito e os servizos de emerxencia tardaron horas en sacar os ocupantes. Os feridos foron trasladados a tres hospitais de Lisboa, incluído un menor de tres anos, que está leve. Dos cinco feridos que están graves hai un rapaz de 13 anos. Unha muller alemá embarazada está en estado crítico. O seu fillo sobreviviu ao accidente, pero o seu marido non.

O Ministerio español de Exteriores confirmou nas últimas horas que polo menos dous feridos son españois. Xa foron dados de alta. As autoridades están acelerando as autopsias para identificar as vítimas. 

A empresa di que cumpriu co mantemento e o concello paraliza todos os elevadores para inspeccionalos

A empresa pública de transportes Carris emitiu un comunicado en que asegura que se cumpriran escrupulosamente os programas de mantemento mensual e semanal, ademais da inspección diaria. 

O Concello de Lisboa suspendeu o funcionamento dos ascensores e funiculares da cidade para "realizar inspeccións técnicas" tras o accidente

Este xoves é día de loito nacional en Portugal decretado polo Goberno luso. Serán tres na capital, onde se rexistrou o sinistro. 

A Policía Xudicial (PJ) de Portugal que creou unha liña directa de información para os familiares das vítimas no accidente.

A PJ explicou nun comunicado que a liña (Tel. +351 211 968 000 e o correo chefepiquetelx@pj.pt) está tamén dispoñible para entidades oficiais. Nese sentido pediu que para que este servizo sexa áxil e teña un bo desempeño só contacten con esta liña familiares, amigos próximos ou institucións.

Expresou a súa "profunda consternación e solidariedade" cos parentes e as vítimas, e agregou que "se fará todo o posible" para averiguar o que ocorreu, en colaboración coa fiscalía, o Instituto Nacional de Medicina Legal e Ciencias Forenses, a Policía de Seguridade Pública e a Protección Civil.

Un símbolo de Lisboa

O Ascensor da Glória é o emblema de Lisboa, un dos maiores atractivos turísticos. Inaugurado en 1885, comunica a céntrica praza dos Restauradores e o miradoiro de São Pedro de Alcântara, no Bairro Alto. Declarado monumento nacional en 2002, é un dos antigos funiculares que operaron na capital para tratar de salvar os contundentes desniveis da cidade.

Ten capacidade para 42 pasaxeiros, 22 sentados e 20 de pé. Orixinalmente funcionaba por contrapeso de auga. En 1914 foi pioneiro en moverse por tracción eléctrica, porque o funicular consta de dúas cabinas, unha ascendente e outra descendente, que funciona cun sistema de tracción eléctrica  e un cable de seguridade. Fai o percorrido de 275 metros en dous minutos pola empinada Calçada da Glória. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade