Máis de 300 veciños de Vilaboa están sen auga potable por un roubo no depósito
Os ladróns roubaron parte do sistema de potabilización da traída de augas
O Concello conta con ter restablecido o servizo esta semana
O alcalde pídelle á veciñanza que non consuma auga da traída ata novo aviso
No concello pontevedrés de Vilaboa investigan o roubo nun depósito de auga que mantén en alerta a veciñanza.
A alarma de sabotaxe avisou os responsables desa traída de auga comunal de Vilaboa. Indicou que se abriran as portas do depósito e despois que o sistema quedara sen electricidade.
Montse Martínez, presidenta da Comunidade de augas da traída de Vilaboa, explica que "danaron as portas, pero o problema é que deixaron sen corriente o clorador e non podemos garantir que auga sexa potable".
Unhas perdas económicas que calculan en máis de 5.000 euros, pero sobre todo lamentan os prexuízos que lles causan. "Para eles vai ser pecata minuta pero para nós e un custe de traballo, de tempo e de medios que non poden imaxinar. esto equivaldría a un delito se hai un caso de contaminación ou infección dalgunha persoa", destaca Martínez.
Ante a imposibilidade de garantir a calidade da auga pídenlles aos veciños que non a usen para beber. Ademais de abastecer sete núcleos de poboación, unhas 320 persoas, tamén levan a auga a distintas institucións como un colexio, o centro de saúde, o Concello e unha escola infantil.
César Poza González, alcalde de Vilaboa, destaca a sorte de que aínda non comezase o curso: "Os nenos non acatan estas normas ao 100%. esperamos que entre este xoves e venres poidamos volver á normalidade".
A Comunidade de Augas xa presentou a denuncia ante a Garda Civil e dende o Concello solicita a colaboración cidadá para dar cos autores do roubo.
Dende o Goberno local piden a colaboración da veciñanza para tentar dar co responsable deste roubo.