Novo roubo do cobre da liña telefónica en Guitiriz
A Garda Civil investiga a autoría destes feitos, con escasa incidencia no servizo ao estar xa operativa a nova condución de fibra óptica
Volveron roubar o cobre da liña telefónica no concello chairego de Guitiriz. Desta volta, sucedeu na avenida Poeta Díaz Castro, que une o centro da vila coa saída cara á autovía A-6. O sucedido apenas repercutiu no servizo, posto que xa estaba operativa a nova condución de fibra óptica.
Este novo roubo súmase aos rexistrados nos últimos anos. En agosto deste mesmo 2025, a Garda Civil desartellara unha banda que se dedicaba a subtraer o cobre da telefonía entre Guitiriz e Betanzos. Foran detidas tres persoas, que presuntamente levaran material por valor duns 60.000 euros.
A Garda Civil investiga agora este novo roubo de cobre. Cun prezo de ata 10.000 euros a tonelada, a súa fin é a venda no mercado negro noutros países.