Vaga de roubos nas comarcas do Deza e Santiago: podemos facer algo para previlos?
Aconsellan pasar a chave, finxir que hai xente dentro e denunciar movementos estraños
Cartos na casa, cantos menos mellor, e o ouro cómpre sacalo do dormitorio principal
Aproveitan cando non hai ninguén na casa, entre as seis da tarde e as nove da noite, para entrar a roubar cartos e xoias de ouro. É o patrón que se repite nas ducias de asaltos detectados nas últimas semanas en vivendas rurais das comarcas de Santiago e do Deza. Evitalos é difícil, pero existen trucos.
"Ten que parecer que hai xente na casa, é aconsellable deixar algunha luz, a tele ou a radio postas. É fundamental que haxa luminosidade, dentro e fora da casa", explica Ricardo Iglesias, responsable do Equipo Roca da comandancia de Pontevedra.
Cómpre poñerllo difícil, pechando ventás e pasando a chave sempre que saiamos, aínda que sexa para un recado. Cartos na casa, cantos menos mellor, e o ouro cómpre sacalo do dormitorio principal.
"No rural sempre é máis necesario ter algo de efectivo nas casas, pero canto menos gardemos mellor. E as xoias se teñen que agochar en lugares pouco comúns".
En ocasións chaman ao timbre para asegurarse de que non hai ninguén. Pero tamén pode ser que vixiaran antes. Por iso, se notan algo raro...
"Se algún veciño na aldea ve un coche raro ou xente descoñecida facendo preguntas estrañas que nos avise. Unha matrícula, un coche, unha cara, pode darnos moitas pistas para coller os ladróns. Mesmo cando non houbo roubos no lugar, pero se ven cousas sospeitosas é mellor chamar".
Chamalos ao 062 ou ao 112. E se collemos os ladróns na allada, o mellor é avisar e nunca enfrontarse a eles. Tamén e importante non tocar nada para que os axentes investiguen. Consellos que poden escoitar da boca dos axentes nas charlas do Plan Maior, que buscan protexer dos roubos os máis vulnerables.